15 de Decembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Presidente reivindica o papel das Deputacións como ferramentas útiles para frear a perda de poboación

27-11-19

 Lugo, 27 de novembro de 2019. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, participou este mércores no Círculo das Artes de Lugo na clausura da xornada Solucións Intelixentes contra o Despoboamento, un foro moderado polo recoñecido xornalista Manuel Campo Vidal que impulsou El Progreso coa empresa Next Educación e que contou coa colaboración da entidade provincial. José Tomé reivindicou neste encontro o papel das Deputacións “como ferramentas útiles para axudar a frear a perda de poboación, facendo un esforzo a prol do desenvolvemento e modernización dos concellos, especialmente dos máis pequenos. Unha acción sen a cal a perda de poboación do rural tería sido aínda maior”.

Durante o acto, no que tamén participou a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Conselleiro de Medio Rural, José González, o mandatario provincial puxo en valor instrumentos de cooperación cos concellos como o Plan Único da Deputación de Lugo, que distribúe máis de 20 millóns de euros entre os 67 municipios lucenses con criterios públicos e obxectivos para implantar e mellorar servizos e infraestruturas municipais.

Ademais, instou a outras administracións a ter un maior grao de colaboración cos concellos á hora de acometer “obras e infraestruturas que deberían ter sido feitas hai anos, como saneamento, accesos e transporte público, sanidade, atención a domicilio ou residencias da terceira idade”.

José Tomé asegurou que “a mellor política demográfica consiste na creación e mantemento dun emprego de calidade, sustentado nun sistema educativo que combine a formación profesional e universitaria, e na prestación de servizos á cidadanía”. “Isto non quere dicir”, engadiu, “que deixemos de falar de cheques-bebé ou vantaxes fiscais para as familias, pero estas axudas só serán verdadeiramente eficaces se actúan sobre un contexto socioeconómico favorable. Serán eficaces se as concibimos como un complemento e fracasarán se se presentan unicamente como un remedio ou un paliativo dunha realidade que afonda nas desigualdades sociais”.

A xornada Solucións Intelixentes contra o Despoboamento reuniu a expertos, profesionais e emprendedores, que abordaron a problemática da sangría demográfica a través de diferentes casos concretos e avanzaron algunhas propostas de posibles solucións.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive