25 de Xaneiro de 2021

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Prado a Quintana: “ En pesca, non temos voz, veto nin voto”

03-12-19

 Santiago, 3 de decembro, 2019. Tras a comparecencia da conselleira do Mar, Rosa Quintana para informar das liñas de traballo cara á negociación dos totais admisibles de capturas (TAC) para o 2020, a portavoz de Pesca do BNG, Montse Prado asegurou que a intervención da titular de Mar representa “unha emenda á totalidade” da política do Partido popular na Xunta, no Estado e Parlamento europeo. A deputada recalcou que o marco no que se deciden as cotas e a TAC resulta “lesivo” para a flota galega e de confirmarse a proposta, miles de persoas vinculadas ao sector sufrirán graves consecuencias.

Neste sentido, afirmou que en Pesca, Galiza “non ten voz, veto nin voto” como demostrou a política do Partido popular durante os últimos dez anos e negou o aumento das cotas para a flota galega asegurando que a única especie incrementada foi a “xarda pintada”, un produto que carece de valor fronte a outras como a xarda que baixou dende o ano 2009 de 24 mil Toneladas a 5.000 a finais do mes de novembro, o rapante, de 7.500 a 5.700 toneladas no mesmo período ao igual que a castañeta, de 4.100 a 2.700, a sardiña de 13.800 a 2.300 toneladas e a cigala, de 650 mil quilos a 152 mil quilos.

Prado denunciou a postura favorable do Partido popular á política pesqueira tras asumir o principio de estabilidade relativa en vigor durante a entrada do Estado español, incluída Galiza. É obvio, dixo, que Galiza mantén unha importante dependencia da pesca, sen embargo non contamos con mellores condicións nin recursos polo que preguntou a Quintana que problemas resolveu despois de permanecer dez anos como conselleira do Mar e si ten o compromiso para declarar a Galiza “zona altamente dependente da Pesca” como leva o BNG reclamando dende hai anos para primar o papel socioeconómico do sector.

Para vostedes, dixo, “espertar conciencias en Europa é espetarlle que nos están maltratando pero a forma de acabar con esa discriminación só é posible tendo voz, veto e voto”, reiterou.

Prado criticou que o Partido popular non defende o sector pesqueiro galego ante un modelo europeo que o somete a un “reparto discriminatorio, escaseza de cotas, e dificultades para a pesca artesanal como o xeito, sardiña, bocarte, cigala ou xarda”.

O modelo de TAC é “nefasto” para a pesca galega, afirmou, non diferencia pesca industrial de pesca artesanal, non protexe ás comunidades pesqueiras e mantén uns TACs e cotas inasumíbeis para a flota galega polo que pediu á conselleira do Mar que esixa “un cambio de modelo” e criterios para protexer a pesca artesanal galega que é, ao seu xuízo, a que “crea emprego e asenta poboación”.

Prado anunciou que o BNG continuará presentando iniciativas en defensa da pesca artesanal e seguirá rexeitando os criterios políticos para o reparto de cotas entre as que destacou Bélxica cun 0.90% de embarcación e unha cota do 1,65% das capturas. A deputada pediu á titular de Mar instar ao Partido popular no Parlamento europeo para reverter esa situación con medidas reais que beneficien a Galiza.

A deputada recalcou que os criterios no reparto das cotas deben ser políticos e para iso é preciso ter “voz, veto e voto”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive