05 de Agosto de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“Fillos do aluminio”, por Bernardo Fraga

22-06-20

Somos os fillos do aluminio. Miles de homes e mulleres da Mariña, fillos e fillas dos traballadores da fábrica de San Cibrao.

Somos os nenos, que camiñaban sen facer ruído pola casa, porque papa fora traballar de noite; as nenas que contaban os días, primeiro de sete en sete, e despois de seis e catro. Somos os adolescentes que secaban as mans coas eternas toallas azuis. Os que miraban o calendario anual das quendas coa ilusión de ver como coincidían as festas, o verán e o nadal. Os nenos que agardaban na parada o autobús no que chegaba papá.

Somos os fillos dos patróns, dos mariñeiros, das gandeiras e agricultores, ou dos comerciantes da Mariña, as fillas daqueles que se subiron ao tren do futuro e do progreso coa apertura do novo complexo industrial. Daqueles aos que o destino arrastrou das súas profesións, das súas vidas, a un futuro en terra, de oito horas, e onde sempre había peixe.

Somos tamén, as fillas das mulleres e homes, que viñeron á Mariña na busca dun futuro mellor, que asentaron as súas vidas, e transformaron as nosas aldeas en vilas prósperas e con futuro. Que converteron a Mariña, nunha comarca, de bo nivel de vida e benestar, co seu traballo e esforzo colectivo.

A todas e todos vós, fillas e fillos do aluminio, aos que traballades na fábrica, e aos que non, aos que estades nas auxiliares e aos que non, aos que dende a distancia, mirades de preto o que pasa na fábrica que vos deu prosperidade, formación e oportunidades.

Todas e todos nós, estamos chamados a loitar, a defender con toda a nosa forza e enerxía, o futuro industrial da nosa comarca, o pan das vosas fillas e fillos e a dignidade e herdanza dos nosos pais e nais.

Estamos chamados, a non permanecer calados, e mirar de fronte a toda a clase política que nos dirixe en Santiago e máis en Madrid, para decirlles alto e claro: “Chegou o momento de demostrar para que cobrades o voso salario cada mes! Chegou o momento de traballar sen descanso, deixar de lado as disputas partidarias, e consensuar unha solución para Alcoa, e para a Mariña”

Agora é o momento, de actuar!
Sen industria, non hai futuro na Mariña.

Bernardo Fraga. Portavoz Municipal de Por Viveiro.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive