28 de Novembro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“Negando, que é xerundio (pero iso do xerundio non importa)”, por Antonio Gregorio Montes

01-09-20

O conto dos Marx, ‘Estes son os meus principios. Se non lle gustan, teño outros’, está camiño de converterse dunha parodia, a unha verdade universal. Os motivos desa conversión en cada quen xa caen na intranscendencia, o caso é conseguir os fins propostos, sexan cales sexan e no campo que sexa.

Un exemplo: non se trata do ‘América primeiro’ de Trump, senón o ‘eu primeiro’. Sería de onde derivaría o anterior, nese caso por extensión do paraugas de Trump, a todo o territorio dos EEUU. E, quen estea coa América que representa Trump estaría coberto, pero non por ser americano, senón por estar con Trump, por esa circunstancia que significa o apoio incondicional. Non é pois unha continuación na mesma liña daquelo de ‘América para os (norte)americanos’, senón algo ben diferente, ‘o mundo para os trumpeños’… por tódolos medios posibles, dende a compra ou soborno ó acoso.

Nesa conversión á adaptación de ‘principios’, as redes sociais teñen facilitado diversas actitudes mentais que a facilitan. Dende o ‘fala, que algo queda’ a ‘non hai preguntas difíciles se un pode inventarse as respostas’, pasando naturalmente por ‘pon o foco da conversa e non te preocupes do que se fale ou do que se poda dicir’.

O ‘fala, que algo queda’, vai na liña de ‘quen dá primeiro, dá dúas veces’, pero no mundo das ideas e opinións. E iso de dar primeiro, nas redes, coa velocidade de difusión que permiten, amplifica o seu resultado.

Sobre o de dirixir o foco dunha conversa, o ter o poder e ser capaz de crear o fío de discusión, implica meter o fluxo das ideas nunha canle determinada, da que despois custa saír: ponse o tema na axenda, e, se se pon ben, non só se pon a canle pola que se vai conducir, senón o sentido no que se vai recorrer dita canle. De novo, a maior velocidade de transmisión de internet, o inmediato ‘retuit’ de Twitter, o premer en ‘compartir’ de Facebook, facilitan que esa ‘canle’ sexa máis robusta, máis difícil de desbordar, poña máis ‘orelleiras’ de burro.

De calquera xeito, a auténtica revolución no cambio de principios coas redes sociais está relacionada con actitudes do tipo ‘non hai preguntas difíciles se un pode inventarse as respostas’. Non é que non se teña podido facer sempre, pero o poderse rodear de acólitos virtuais nas redes dá un aura que empodera o argumento de autoridade. Aínda que non sexa máis que iso, unha falacia en base a unha suposta autoridade que pode provir de campos totalmente alleos a aquel no que se trata de exercer.

Actitudes como a tan difundida de Miguel Bosé sobre o relacionado co coronavirus son mostras de que ‘as respostas baseadas en feitos, datos e probas son unha competencia desleal para quen vende afirmacións inventadas’. Son actitudes sobre as que nos chaman a atención, cando en economía ou en política hainas equivalentes que nos fan pasar totalmente desapercibidas. E non será porque non esteamos avisados: todas as frases entrecomilladas deste artigo (menos unha) teñen saído nos medios ou tido outro tipo de ampla difusión, entre outras moitas que ilustran feitos semellantes. E cada vez son máis verdade. E cada vez importa menos.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive