CELEIRO .- A Conselleira de Pesca, Carmen Gallego, visitou hoxe Celeiro e asinou co director de Puerto de Celeiro, José Novo Rodríguez,un convenio para a automatización da pesca en barcos de palangre, o protoclo estará vixente ata finais deste ano e permitirá a pobar, a bordo dun pesqueiro en activo, o novo sistema co que se quere reducir custos e mellorar as condicións de traballo e de seguridade da flota.
Gallego tamén inaugurou hoxe en Celeiro unha nave para gardar o sublift cedido polo seu departamento á confraría de pescadores.
Nota de Prensa
Celeiro (Viveiro), 3 de outubro de 2008.- A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, e o director de Puerto de Celeiro S.A., José Novo Rodríguez, asinaron hoxe, na localidade de Celeiro, un convenio de colaboración para a realización do “proxecto piloto de experimentación con sistema automático de palangre”. Con esta iniciativa preténdese reducir custos e mellorar as condicións de traballo e de seguridade nos buques dedicados a esta arte mediante a automatización dos procesos de pesca.
O orzamento para levar a cabo este proxecto ascende a un total de 485.000 euros dos que a Administración pesqueira galega achegará 388.000 euros e Puerto de Celeiro S.A,, os 97.000 euros restantes. Ademais, a Unión Europea participa na realización desta medida a través de fondos europeos. O apoio da Consellería de Pesca a esta actuación derívase da aposta do departamento que dirixe Carmen Gallego por potenciar as novas tecnoloxías no sector pesqueiro, xa que garanten a viabilidade económica e técnica das empresas vinculadas a esta actividade ao redundar as melloras técnicas na calidade do produto.
O protocolo subscrito hoxe derívase da necesidade de comprobar o comportamento do sistema de automatización da pesquería de palangre de fondo en condicións reais de traballo despois de ser aplicado no laboratorio flotante Santiago Apóstolo. O obxectivo é avaliar cualitativa e cuantitativamente a rendibilidade da aplicación do novo mecanismo desenvolvido por Puerto de Celeiro S.A. Ademais, con este protocolo quérese apoiar unha arte de pesca selectiva e respectuosa co medio mariño e con implantación tradicional no sector pesqueiro galego, con especial incidencia en determinados portos moi dependentes dela.
A aplicación deste novo sistema require a introdución de aparellos e ferramentas de pesca diferentes aos que se empregan habitualmente e, en consecuencia, a modificación dos procesos de traballo a bordo dos barcos, concretamente a innovación do largado e a recollida do aparello e do manexo, reparación e almacenamento deste.
Entre as actividades derivadas da posta en marcha do proxecto, que serán executadas por Puerto de Celeiro S.A., atópanse a instalación do sistema de automatización a bordo do pesqueiro “Mataleñas Segundo”, a formación da tripulación do barco e a realización de mareas piloto tanto para a optimización dos procesos de pesca como para a recollida de datos sobre a eficacia do mecanismo. Así mesmo, está prevista a elaboración dun informe final de resultados que avalíe a eficacia do sistema, no que se incluirán os novos modos de traballo e se detectarán os riscos laborais derivados da aplicación desta medida.
Puerto de Celeiro S.A tamén terá que facer un seguimento científico-tecnolóxico da realización do proxecto a través do Centro Tecnolóxico da Pesca (Cetpec), que elaborará o correspondente informe para achegar a Pesca antes do pagamento da cantidade comprometida pola Consellería.
Para o impulso e seguimento das accións establecidas no convenio, que estará vixente ata o 31 de decembro deste ano, crearase unha comisión que tamén resolverá as controversias derivadas da súa execución. Este organismo estará integrado por dous membros de cada unha das partes asinantes: o director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca e o xefe do Servizo de Acción Costeira Artesanal, por parte de Pesca, e o responsable de proxectos e o delegado de frota de altura, no caso de Puerto de Celeiro S.A..
Nave para o sublift
Na xornada de hoxe, a Conselleira de Pesca, que estivo acompañada na súa visita a Celeiro polo director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, José Manuel López Rodríguez, e o delegado territorial de Pesca en Lugo, José Ramón Val Alonso, tamén inaugurou unha nave construída polo seu departamento para gardar o sublift cedido por Pesca á confraría, que ademais alberga un espazo para aseos e vestiarios.
Esta actuación supuxo un desembolso de preto de 120.000 euros por parte da Consellería de Pesca, que se suman aos case 275.000 euros correspondentes ao sublift. Na construción da nave, de 157,77 metros cadrados de superficie útil, tratouse de que esta non rompera coa estética do porto, polo que se minimizou a altura do edificio na medida do posible. Ademais, déuselle unha grande importancia á luz natural e por esta razón dispuxéronse fiestras en todo o perímetro da edificación.
Tanto a cesión do sublift como a construción da nave inaugurada hoxe pola Conselleira de Pesca súmanse a outras actuacións realizadas polo departamento que dirixe Carmen Gallego co obxectivo de mellorar as instalacións existentes no porto pesqueiro de Celeiro e, polo tanto, tamén as condicións de traballo dos profesionais do mar desta localidade. Así, podemos destacar a nave de lavado de caixas que está en construción e que supera os 560.000 euros de orzamento ou a entrega de cinco carretillas elevadoras eléctricas de 2.500 quilogramos de capacidade, cuxo orzamento se aproxima aos 200.000 euros.




















Ocorreu minutos antes das 15 horas e o vehículo obstaculizaba a circulación. O 112 Galicia tivo constancia deste accidente a través dun particular: un camión acababa de envorcar no quilómetro 10 da LU-541, en Ladra (Vilalba). Nun primeiro momento pensouse que o condutor podía estar atrapado, mais conseguiu saír polo seus propios medios. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. O vehículo perdeu algo de combustible como consecuencia do impacto, pero os bombeiros resolveron rapidamente a situación.
No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.
O 14 inaugúrase o Rincón da Poesía, con música de gaitas e concerto de Xuaco Amieva, ademais da presentación de Viaxe a Dacondo I. O 21 terá lugar un recital poético-musical na Casa de Cultura, con música en directo, participación de autores locais, presentación do libro Tu voz en mi voz e homenaxe a Luis Pérez del Súcaro.
Este domingo, 8M, celebrouse un xantar no restaurante O Noso Lar no que participaron máis de 100 mulleres con posterior baile na Casa do Mar.
Reuniu na xornada deste sábado no pavillón de deportes a 700 ximnastas procedentes de diferentes puntos da provincia de Lugo e tamén dun club convidado de Pontevedra. Foi un día intenso de deporte e de convivencia, que tivo unha importante repercusión na hostalería local. Desde o Concello felicitan a todas as participantes, subliñan o traballo da organización (Escola Porta Norte) e agradecen o apoio das entidades colaboradoras.



