“Estamos acompañando aos veciños da Pastoriza e á asociación de Fonmiñá que están reivindicado unha actuación inmediata e necesaria na N-640 ao seu paso polo quilómetro 60, unha situación que está poñendo en perigo a seguridade viaria”, sinalou Francisco Conde
A Pastoriza, 9 de marzo de 2026. O deputado do PP no Congreso, Francisco Conde, e a deputada autonómica, Nicole Grueira, mantiveron unha reunión co alcalde da Pastoriza, Darío Cabaneiro, co tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, e con representantes da Asociación de Veciños de Fonmiñá para coñecer de primeira man a situación da estrada N-640 ao seu paso por este municipio e trasladar ao Goberno central as demandas do Concello e da veciñanza.
Durante o encontro analizouse a problemática existente no entorno do quilómetro 60 desta vía, un punto no que os veciños veñen advertindo desde hai tempo dos riscos que supón o estado do firme e das carencias en materia de seguridade e iluminación.
O alcalde da Pastoriza, Darío Cabaneiro, explicou que neste tramo da estrada existe “unha situación bastante caótica”, xa que o pavimento presenta un estado moi deteriorado e obriga en ocasións aos vehículos a invadir o carril contrario para esquivar os baches, incrementando o risco de accidentes.
Cabaneiro lembrou ademais que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible si realizou actuacións noutro tramo da mesma estrada no concello de Meira, mentres que o tramo correspondente á Pastoriza quedou sen arranxar. “Arranxouse totalmente a estrada desde o lado de Meira e deixouse este tramo, o que corresponde á Pastoriza, sen actuar, cun pavimento bastante preocupante”, sinalou, ao tempo que reclamou ao propio Ministerio de Transportes que “tome nota desta situación e poña remedio canto antes”.
O rexedor tamén advertiu de que neste punto xa se produciron accidentes con vítimas, polo que considera prioritario actuar para mellorar o estado do firme e reforzar a seguridade viaria, así como instalar iluminación e habilitar un carril de saída cara ao barrio de Paraxes, que actualmente non existe.
Pola súa banda, o presidente da Asociación de Veciños de Fonmiñá, José Manuel “Lito” Rodríguez, incidiu en que o punto quilométrico 60 da N-640 é “un punto moi complicado, un punto negro da estrada onde houbo varios accidentes”.
Segundo explicou, o mal estado do firme provoca que os vehículos teñan que cambiar de carril para evitar os baches, co conseguinte perigo para a circulación. Ademais, desde a asociación reclaman tamén outras actuacións necesarias para mellorar a seguridade neste punto, como habilitar unha saída cara á estrada do barrio de Paraxes e dotar a zona de iluminación para os usuarios da vía e os veciños. “É un sitio moi conflitivo e moi problemático”, subliñou.
INICIATIVAS NO CONGRESO E NO PARLAMENTO DE GALICIA
Tras escoitar as demandas do Concello e da veciñanza, o deputado do PP no Congreso, Francisco Conde, reiterou a necesidade de que o Goberno actúe con urxencia nesta estrada.
Conde lembrou que o Partido Popular xa levou iniciativas ao Congreso dos Deputados para reclamar melloras na rede de estradas do Estado en Galicia e advertiu de que o estado dalgúns tramos da N-640 está a poñer en un grave risco a seguridade dos usuarios.
“Estamos acompañando aos veciños da Pastoriza e á asociación de Fonmiñá que están reivindicando unha actuación inmediata e necesaria na N-640 ao seu paso polo quilómetro 60, unha situación que está poñendo en perigo a seguridade viaria”, sinalou.
Neste sentido, reclamou ao Goberno central unha actuación inmediata que inclúa a mellora do firme, a instalación de iluminación e a adopción de medidas que permitan realizar as incorporacións á estrada con maiores garantías de seguridade.
Ademais, o PP tamén levou esta problemática ao Parlamento de Galicia hai menos dun ano a través dunha iniciativa na que se solicitaba ao Goberno central a realización de actuacións neste punto da estrada.
Así, a deputada autonómica Nicole Grueira subliñou que os populares continúan insistindo na necesidade dunha intervención completa nesta vía. “Recollemos as demandas dos veciños e seguimos insistindo na necesidade dun arranxo completo da N-640. Non se pode actuar a medias nin situar a veciñanza de primeira e de segunda”, afirmou.
Grueira advertiu de que actualmente esta estrada “atópase nun estado moi perigoso” e sinalou que son “moitos os que sofren pinchazos e avarías nos seus vehículos como consecuencia do mal estado desta vía”.
Por iso, pediu ao Goberno central “unha actuación integral sen diferenzas entre concellos que solucione de inmediato e de maneira definitiva este problema, garantindo a seguridade de todas as persoas que utilizan a N-640”.



















O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.
Destacou o apoio da Deputación ao sector primario a través da Granxa Gayoso Castro, centro de referencia en recría, formación e innovación. O evento, organizado pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego, incluíu o concurso morfolóxico de distintas categorías —ponis, cabalos do país, cruzados, percheróns, Pura Raza Galega e andadura serrada e chapeada— e unha exhibición de doma de alta escola con eguas de pura raza galega.
O corte afectará ao tramo que vai desde o principio da vía ata o punto quilométrico 0,900. Para facilitar a execución das obras, será necesario que non haxa vehículos estacionados nese treito. Os traballos, executados pola empresa Jose No Mantiñan E Hijos Construcciones, S.A., forman parte dun proxecto conxunto para a mellora e acondicionamento de varias estradas provinciais no municipio de Xove, cun investimento total superior aos 800.000 euros.



