RIBADEO (FNC) .- O Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo atendeu durante o 2008 un total de 376 consultas, o que se corresponde con 312 persoas que demandaron información e asesoramento (algunhas varias veces ou varias consultas, por iso hai máis consultas que consultantes).
Segundo a responsable do CIM, Luisa González, “a área de asesoramento xurídico foi a mais demandada con 213 consultas, seguida da área psicolóxica con 87 consultas e a área de recursos con 46. As consultas que nos veñen relativas a emprego son derivadas á area de desenvolvemento local”.
Na área xurídica , o máis demandado foi o Dereito de Familia con 60 consultas que veñen a ser o 28,6% e especificamente as que teñen que ver con información e asesoramento sobre os procesos de separación e divorcio, e tamén houbo un aumento significativo nas consultas que relacionadas coa filiación. Séguelle o Dereito Penal como consulta máis demandada, “a diferenza de outros anos onde era a asistencia xurídica gratuíta a que ocupaba o segundo lugar desprázase este ano cara un 3º posto. As consultas de Dereito Penal versan maioritariamente sobre a violencia de xénero e o impago de pensións alimenticias, foron 44 consultas que supoñen o 18,7% do total. Mencionar respecto ao impago de pensións alimenticias, que ten dúas formas de reclamarse pola vía penal (que se fai menos veces xa que leva aparellado penas de privación de liberdade) e pola vía civil que se fai no marco da execución de sentencia do divorcio ou separación ou ben interpondo demanda de custodia”, engade Luisa González.
Houbo 38 persoas que ao longo do 2008 solicitaron a asistencia xurídica gratuíta.
No eido laboral, a maioría das consultas teñen que ver coas condicións na contratación. Luisa González explica que “das 312 persoas que solicitaron información e asesoramento 82 persoas eran inmigrantes, o que supón un 26,2% do total. No 2007 foron 57 persoas inmigrantes o que reflicte un notable ascenso da poboación inmigrante no uso deste servizo. Respecto a tipoloxía das consultas, maioritariamente son de carater persoal… 270 consultas foron persoais,36 telefónicas…”.
As persoas que máis usan este servizo atópanse no tramo de idade que vai dos 26 aos 35 anos, seguíndolle o tramo dos 46 até os 55 anos. Luisa González engade que “podemos dicir que xenericamente, segundo os datos do programa de estadísticas do Servizo Galego de Igualdade, as persoas que acoden a este servizo teñen as seguintes características: son mulleres cunha edade entre 26- 35 anos, con fillos/as, do núcleo urbán, casadas, con estudos medios, traballadoras e con ingresos familiares que oscilan entre os 600-900€”.
Políticas de igualdade
A concelleira de Muller, Mariluz Álvarez Lastra e a responsable do CIM, Luisa González fixeron tamén balance das políticas de igualdade que se veñen desenvolvendo desde o Concello de Ribadeo e sinalaron que “seguimos facendo campañas de dinamización e de sensibilización cara a cidadanía e mantemos os bonos axuda para fomentar a conciliación da vida laboral e persoal das mulleres que son nais. Seguimos a realizar o boletín Ribadeo Muller no que se recollen todas as actividades que facemos ao longo do ano e onde se dan consellos sobre temas de interese para as mulleres. É unha publicación que chega a todas as casas. Continúa tamén o Consello Municipal da Muller que é un órgano que fomenta a participación e que é un vehículo central de comunicación entre o Concello, as parroquias e o movemento asociativo das mulleres”.
Álvarez Lastra e González engadiron que “levamos adiante a abordaxe da violencia de xénero mediante a elaboración dun protocolo de prevención e atención ás mulleres vítimas desta problemática, realizamos varias xornadas ao longo do ano dirixidas a sectores específicos e tamén un estudio sobre a percepción que ten a cidadanía de Ribadeo sobre a violencia de xénero”. O CIM organizou ao longo do 2008 actividades coma talleres de relaxación para bebés ou natación terapéutica, charlas sobre temas de actualidade coma a do cancro de útero e un obradoiro de medio ambiente nas Anzas”.





















O luns 30 de marzo ás 18:00 horas darán comezo as visitas guiadas polo casco histórico de Viveiro, conducidas polo historiador Xesús Martínez e organizadas polo CCHV coa colaboración da Xunta de Cofradías da Semana Santa. Antes da primeira visita, ás 17:30 horas, realizarase unha breve presentación na Praza Maior, diante da porta do Concello. No acto participarán José Veiga, en representación da Xunta de Cofradías, Cristina Rodríguez, presidenta do CCHV, e o propio Xesús Martínez.
O alcalde, Pedro Fernández, salientou o seu impacto turístico e deportivo. A edición inclúe un atractivo especial: a Concentración da Selección Española OPEN, que adestrará en Tapia do 1 ao 6 de abril. O Goanna Pro é a segunda proba da Liga PRO, garantindo un nivel competitivo máximo. Datas: Semana Santa 2026. Lugar: Praia de Anguileiro. Destacado: Concentración da Selección Española (1–6 abril).
O delegado destacou a consolidación do evento como referente cultural na Terra Chá. O festival contará con Caamaño & Ameixeiras, Ulex e La Txama, ademais de actividades lúdicas. A cita será no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.
A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.



