MONDOÑEDO .- O delegado da Área de Deportes da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, e o alcalde do Concello de Mondoñedo, Orlando González, participaron este mércores no acto de entrega dos diplomas acreditativos aos 11 rapaces e rapazas inscritos na primeira edición do Curso de Primeiros Auxilios que organizan de forma conxunta ambas institucións. O curso, impartido polo técnico de deportes do concello e monitor de socorrismo acuático e primeiros auxilios da Cruz Vermella, Raúl González-Redondo Ares, desenvolveuse nas instalacións da Casa da Xuventude da localidade de Mondoñedo durante os meses de xullo e agosto.
No transcurso das catro xornadas lectivas impartidas polo técnico de deportes desta localidade da Mariña Lucense os alumnos realizaron sendas sesións prácticas e teóricas –apoiadas por material audiovisual- nas que adquiriron un coñecementos mínimos para enfrontarse entre outras a unha situación de risco na que sexa preciso realizar unha reanimación cardiopulmonar, actuar fronte a un atragatamento, intoxicación ou unha picadura dun animal, deter unha hemorraxia ou inmobilizar unha persoa con traumatismos craneais, de columna cervical ou de extremidades. A maiores, os alumnos e alumnas do curso realizaron varios simulacros nos que participaron de xeito voluntarios membros do persoal do Protección Civil de Mondoñedo e varios socorristas da comarca.