Nota de Prensa
O BNG ABANDONA O PLENO DURANTE O DEBATE DE DUAS MOCIONS PRESENTADAS POLO PP
Os nacionalistas argumentan o abandono pola negativa do goberno local a incluír a súa moción sobre a autovía San cibrao-Barreiros no orde do día do pleno.
Unha das mocións presentadas polo PP xa foi presentada, debatida e aprobada nos mesmos termos en maio de 2008.
Cervo, 14 de agosto de 2009. O BNG de Cervo anunciou o seu abandono durante o debate de dúas mocións presentadas polo PP no pleno que se celebrará o luns 17, participando no resto da sesión. Os nacionalistas argumentan a súa ausencia pola negativa do grupo de goberno a admitir a súa moción sobre o trazado da autovía San Cibrao-Barreiros, que foi convertida en proposta da alcaldía. Ademais de denunciar a actitude antidemocrática do PP neste punto, abundan na crítica ao parecerlles redundante que o PP presente agora unha moción sobre o servizo de correos que xa foi aprobada nos mesmos termos, por iniciativa nacionalista, en maio de 2008.
O ALCALDE PRETENDE AGORA SALVAR O SEU NULO TRABALLO NA DEFENSA DOS INTERESES DOS VECIÑOS CO TRAZADO DA AUTOVIA
O BNG volveu incidir na falla de dedicación, despreocupación e abandono dos intereses municipais por parte do alcalde, Alfonso Villares, en relación á tramitación das diferentes fases do trazado da autovía San Cibrao-Barreiros. “Non é presentábel que o concello non remitira ningún documento na fase previa á elaboración do trazado, como fixeron outros concellos, tampouco o é que o alcalde fose a remolque do BNG na exposición aos veciños do trazado ou que preferira reunirse antes cos seus correlixionarios políticos de Burela antes que cos veciños do seu concello, e moito menos que o pleno onde se debía tratar o tema da autovía non se fixera dentro do período de alegacións que rematou o 29 de xullo sen ter intentado dentro de prazo unha proposta que conxugara os intereses e unira esforzos cos concellos lindeiros”. Agora despois deste “desleixo e incapacidade para a xestión deste tema, o alcalde, nega ao BNG o debate dunha moción sobre o tema que converte en proposta da alcaldía, nun intento de emendar os erros que chega tarde, mal e a destempo”.
O PP UTILIZA OS PLENOS DO CONCELLO PARA DAR COBERTURA INSTITUCIONAL A SUA CAMPAÑA POLÍTICA AÍNDA QUE SEXA REDUNDANDO EN TEMAS XA TRATADOS
Os nacionalistas non participarán da campaña mediática do PP que o leva a incluír na orde do día do pleno do luns unha moción que xa fora tratada por iniciativa do BNG e aprobada nun pleno de maio de 2008. O PP estivo catro anos presentando mocións con reclamacións dirixidas á Xunta de Galiza que agora esquecen para volcarse noutras administracións como poda ser a Deputación ou o goberno do Estado.
O BNG PRESENTARÁ NO TURNO DE ROGOS E PREGUNTAS VARIAS INICIATIVAS EN RELACION A GRATUIDADE DOS LIBROS DE TEXTO E REMATE DAS OBRAS NA URBANIZACIÓN A ATALAIA.
Os nacionalistas presentarán como rogo o remate das obras na urbanización a Atalaia que continúan sen estar rematadas, con luminarias que non funcionan e co cableado á vista e sen que se puxera iluminación nas escaleiras de acceso onde antes existía. Queren que se remate ao completo antes da entrega dos avais solicitados pola empresa adxudicataria do proxecto.
Ademais tendo en conta a eliminación polo actual goberno autonómico do sistema de libros gratuítos, queren que o concello asuma, tal como facía con anterioridade á entrada do goberno bipartito na Xunta, o sistema existente no concello para que todas as familias que non entren no sistema definido polo actual goberno galego, conten co material de estudo necesario de xeito gratuíto.

















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



