RIBADEO (FNC) . A poboación anciá de Ribadeo presenta un bo estado nutricional. Esa é a conclusión á que chega o estudo nutricional e de saúde da poboación anciá de Ribadeo que elaborou o Colexio de Médicos de Lugo en colaboración co Hospital da Costa, o centro de saúde de Ribadeo e o propio Concello.
Na presentación do estudo que tivo lugar esta mañá en Ribadeo o alcalde, Fernando Suárez, lembrou que “foi subvencionado integramente con 4.000 euros pola anterior Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta, e agora por fin podemos presentar o traballo realizado entre un grupo de persoas que participaban no programa municipal de Xantar na casa, xunto con outro que non estaba integrado en dito programa. O estudo demostra que as dúas poboacións anciáns teñen un bo estado nutricional, demostra tamén que hai un sobrepeso nesas persoas analizadas e incluso podemos dar un dato significativo que é que aquelas persoas que están no Xantar na casa teñen un menor grao de obesidade que as outras. Isto é algo que nos convida a seguir traballando polo mesmo camiño”.
O rexedor subliñou que “este é un dos pouquísimos, por non dicir, o único estudo deste tipo que temos en Galicia sobre este universo de poboación. Servirá de consulta ou de base, non só para a poboación de Ribadeo senón tamén para a do resto da comarca”. Suárez Barcia agradeceu “o traballo realizado polo persoal do centro de saúde de Ribadeo, da xerencia do Hospital da Costa e do Colexio do Médicos de Lugo na persoa do seu presidente, José Ignacio Vidal Pardo, por dar o apoio técnico para facer este estudo, que en definitiva o que ven é a abalar desde o punto de vista médico o que son estes programas de Xantar na casa”.
Déficit de vitamina D
Pola súa banda José Ignacio Vidal Pardo contou que os obxectivos do estudo “foron valorar as condicións de vida, os hábitos alimentarios, o estado de saúde e o estado nutricional da poboación anciá e estudar se a intervención do programa do Concello Xantar na casa era útil e se influía nas condicións de vida e de saúde e no estado nutricional desas persoas. O estudo implicaba unha historia clínica, uns test de calidade de vida, uns test de dependencia, unha exploración física, e despois varias determinacións analíticas”. O presidente do Colexio de Médicos de Lugo manifestou que “os dous grupos presentaban características moi similares e non había diferenzas significativas entre eles nin no estado de saúde, nin nos hábitos alimentarios que describían, nin no exercicio físico”.
As conclusións do estudo, segundo Vidal Pardo din que “todos eles presentan un bo estado nutricional con só algúns déficits nalgún parámetro dalgún ancián; presentaban un grao importante de sobrepeso e obesidade, non hai diferenzas significativas en canto aos hábitos alimentarios, os estados de saúde e nutricional entre o grupo ao que se lle achega a alimentación e aqueles que a elaboran no seu domicilio, salvo nunha cousa, que é a presenza de obesidade. A presenza de obesidade abarca ao 48% da poboación do grupo non intervido e ao 33% do grupo de Xantar na casa, xa que logo presentaban a mesma situación nutricional con menos obesidade”.
José Ignacio Vidal Pardo subliñou que “desde o punto de vista médico o dato máis relevante é que todos eles presentaban un déficit moi rechamante de vitamina D, máis do 90% presentaban un déficit severo. A esta poboación se queremos manterlle a súa masa ósea e evitar a súa descalcificación e que teñan unha boa actividade muscular haberá que suplementarlles vitamina D”.
O presidente do Colexio de Médicos agradeceu o traballo realizado polos dous médicos, as dúas enfermeiras e o traballador social que participaron na súa realización. Vidal Pardo destacou o apoio do servizo de bioquímica do Hospital da Costa e do centro de saúde de Ribadeo.



















Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partirán de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



