A Deputación de Lugo inaugura o vindeiro 14 de abril una exposición sobre Castelao que cremos, máis que nunca, imprescindible.
O 7 de xaneiro deste ano cumpríronse 60 anos da morte de Castelao. A Deputación de Lugo dende a área de Cultura e o Museo Provincial gobernados polo BNG, inaugura o vindeiro día 14 de abril unha exposición, comisariada por Pilar García Negro e Felipe Senén, que se centra nun período importante da súa vida, o correspondente aos anos 1936 – 1950, aqueles que nos que Castelao construíu a nación aínda estando lonxe dela.
Nun intre en que os alicerces de todo o que el elevou á categoría de imprescindible para este país están en perigo, no que mesmo se insulta a súa memoria dende a presidencia do goberno galego, creo que esta exposición debe servir para resolver a anemia do esquecemento en que a súa figura está sumida.
“ Abóndame con ser galego”
Abonda esta declaración de Castelao para ter convertido en realidade esta exposición, esta homenaxe necesaria, imprescindible a quen representa coma ninguén a conciencia ética da nación. Pretendemos que nas salas do Museo Provincial de Lugo estea a esencia da súa arte, da súa obra literaria, do seu pensamento e da súa vida dedicada a esta terra. A esencia de todo o que converteu a Castelao nun mito popular. Os seus debuxos, os seus oleos e tamén os libros e as imaxes deixan ver o autor que hai detrás, o creador honesto, comprometido, que é xa símbolo do país que retratou na súa obra.
Galega e humana, así é a creación de Castelao. En poucas ocasións unha nación ten a fortuna de ser “fundada” por unha figura de tan inmensa dimensión. Un home que concitaba admiración, un líder que producía afectos, un brillante artista que se caracterizaba pola súa humildade, un político honesto e comprometido que vivía para a súa Terra. As novas xeracións de galegos e galegas, ben poden atopar agora na súa obra o labor infatigable de quen cría con firmeza no futuro do seu país e estaba a poñer as sólidas trabes para a súa construción.
A xenerosidade de Castelao está presente na obra que agora se vai expoñer. A través deste legado artístico e cultural ben podemos trazar o perfil daquel home ao que tanto lle debemos. De Castelao recibimos, sen dúbida ningunha, boa parte do que hoxe somos, a conciencia da nosa lingua e do noso país, unha liña de transmisión de honestidade e lealdade da que podemos gabarnos. Terra, símbolo, referencia, nación, xustiza, pobo, lingua, historia. Aí está Castelao, unha imaxe que forma xa parte do noso imaxinario colectivo, que se mimetiza co pobo ao que tanto quería, que volve a nós coa súa lección perdurable. Expoñente máximo da nosa cultura, símbolo na nosa historia, figura admirada en todos os idearios liberadores, o discurso de Castelao prende e alumea, agasallándonos, unha vez máis, coa súa brillantez e o seu compromiso.
“Cómo lle queremos á Terra! Eu de min sei decirvos que si despois de morto tivese que voar máis alá das estrelas visibles para ir a un ceo tan lonxano da Terra, de boa gana renunciaría á inmortalidade para rematar a miña vida debaixo d-unha laxe e convertirme en herbas ventureiras”. De novo, escoitamos ao propio Castelao e, desde a Deputación de Lugo, queremos sementar con esta exposición as máis acaídas herbas ventureiras de quen é, sen dúbida, inmortal na nosa memoria como pobo.
Xosé Antón Bao Abelleira
















Ofreceranse as seguintes modalidades e horarios: adestramento de forza/funcional os luns e mércores ás 9.00 horas; pilates os luns e mércores ás 11.00 horas; e TRX os martes e xoves ás 9.00 horas. A inscrición e a información sobre estes cursos realizarase na recepción da Piscina Municipal. Ademais, durante este mes habilítase a opción de proba gratuíta.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.
A última xornada tivo lugar o sábado 7 de marzo no Local Social, coa disputa da final entre as dúas parellas clasificadas. A continuación celebrouse a tradicional cea e a entrega de premios ás tres primeiras parellas. Os equipos gañadores foron: 1º posto: Carlos e Toñito. 2º posto: Eladio e Santi. 3º posto: Tomás e Demetrio. A Xunta Directiva agradece a excelente acollida desta edición e expresa o seu desexo de seguir contando coa participación de todos nas vindeiras convocatorias.
Ocorreu minutos antes das 15 horas e o vehículo obstaculizaba a circulación. O 112 Galicia tivo constancia deste accidente a través dun particular: un camión acababa de envorcar no quilómetro 10 da LU-541, en Ladra (Vilalba). Nun primeiro momento pensouse que o condutor podía estar atrapado, mais conseguiu saír polo seus propios medios. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. O vehículo perdeu algo de combustible como consecuencia do impacto, pero os bombeiros resolveron rapidamente a situación.
No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.



