Nota de Prensa
O BNG ESIXE NO CONGRESO A MELLORA E ACONDICIONAMENTO DOS TRAMOS LUCENSES DA N-634
As obras da Autovía do Cantábrico non poden servir de escusa para deixar no esquecemento esta vía que acumula a maior concentración de puntos negros de toda a rede estatal de estradas
Antonio Veiga enmarca esta iniciativa na campaña polas infraestruturas aberta polo BNG mariñao dende fai semanas
A Mariña, 27 de abril de 2010. O BNG presentou no Parlamento do Estado unha iniciativa a fin de que se acorde instar ao Ministerio de Fomento a elaborar un proxecto de mellora e acondicionamento da N-634 nos seus tramos lucenses. Os nacionalistas argumentan que as obras da Autovía do Cantábrico non poden servir de escusa para que esta vía fique no esquecemento, sendo como recoñece a propia Dirección Xeral de Tráfico, unha das estradas con maior acumulación de puntos negros de toda a rede estatal de estradas.