Nota de Prensa
O BNG DE FOZ ACUSA AO GOBERNO MUNICIPAL DE CONTINUAR CO DESCONTROL NO GASTO E ADVIRTE DUN PROBLEMA DE FINANCIAMENTO FUTURO
“Se continuamos a este ritmo de despilfarro o próximo o Concello terá problemas de pago” afirma Basanta
O Concello tiña en xullo 607.047,98 € na caixa cando as débedas eran de 912.526,10 segundo o informe de intervención
Foz, 11 de agosto de 2010.- No derradeiro Estado de Liquidación do Orzamento Municipal do Concello de Foz, advírtese que a administración local non recada os ingresos necesarios para atender correctamente os servizos municipais debido, principalmente, a mala xestión económica do grupo de goberno. A pesares das continuas advertencias do BNG e dos servizos de intervención municipal sobre a relaxación existente no control do gasto corrente o Sr. Alcalde e os seus concelleiros seguen a facer a mesma política de feitos consumados. Non existe un control directo e amplo sobre as obras feitas por e para o Concello e ao mesmo tempo non se planifican os gastos en función dos ingresos recadados.
Nestes tempos que as pequenas empresas, autónomos e familias están a adaptar a súa forma de vida a nova situación económica reducindo gastos innecesarios, resulta que o Concello de Foz segue gastando sen control ningún. Proba desto é que as existencias de Tesourería (diñeiro en entidades bancarias e en caixa), a data 30/06/2010, ascende a 607.047,98 euros, cando a primeiro de ano (01/01/2010) eran de 1.854.964,26 euros. En definitiva as arcas municipais estanse a baleirar progresivamente e dende o noso grupo non vemos que se tomen as medidas necesarias para frear esta sangría. É necesario que o Sr. Alcalde lembre que está a dispoñer de diñeiro público, procedente dos impostos e taxas que tanto nos costa pagar a tódolos cidadáns.
Non pode o Grupo Municipal de Goberno, xestionar as finanzas do Concello utilizando constantemente ás modificacións de crédito. Pasa que poida existir nalgún intre a necesidade de axustar os orzamentos municipais, pero o que non é de recibo que se utilice este modelo cada dous por tres. Este feito, demostra por si, que algo falla na xestión económica municipal. Demostra a falta de rigor no control dos gastos e a falta de planificación para establecer prioridades, sempre necesarias, a hora de administrar un orzamento cada día mais cativo.
O grupo municipal do BNG ten que volver a insistir que ademais da falta de control orzamentario adecuando os gastos aos ingresos recadados, existe unha deixadez a hora de incidir sobre as débedas existentes de contribuíntes morosos que nestes intres acadan un montante importante (arredor de 3.700.000,00 euros, considera o Interventor Municipal no seu derradeiro informe económico) que, para maior gravidade, están a punto de prescribir ou son xa saldos incobrables, segundo este mesmo documento unha cantidade que se achega aos 2.200.000,00 euros.
Este feito é grave posto que a existencia de débedas pendentes de cobrar de impostos e taxas públicas é un agravio para as persoas e demais contribuíntes que pagan ao día os impostos. Non serven as palabras baleiras do Sr. Alcalde xustificando estes impagos na mala situación económica actual, xa que moitos de estes importes pendentes veñen dende o inicio da súa xestión ao fronte do goberno municipal. Pola responsabilidade que supón administrar diñeiro público é necesario actuar con rigor e con todas as medidas que permite a lei contra os contribuíntes morosos (empresas e particulares) chegando ata o fin dos procesos administrativos, incluso a vía executiva e o embargo se fose preciso.
De seguir o Sr. Alcalde con esta política económica non sería de estrañar que en pouco tempo o Concello teña problemas para atender debidamente as súas obrigas económicas. Dende o BNG insistimos, outra vez mais, que se faga unha política económica municipal baseada no control orzamentario, no control por parte dos técnicos municipais da execución e dos costos das obras realizadas e na supervisión directa e constante das mesmas.
En definitiva, para conseguir unha xestión eficiente dos servizos públicos é necesaria unha planificación correcta das inversións e un control rigoroso dos ingresos e gastos municipais no que deberían, por responsabilidade política, participar tódolos grupos políticos que forman o Pleno Municipal, todo con un único fin: conseguir unha maior eficacia e unha maior transparencia na xestión económica municipal.
















Esta cita, xa consolidada dentro da programación estable do centro, permitirá ao público gozar dunha mostra do traballo artístico e formativo desenvolvido ao longo do curso polo alumnado da especialidade. A actividade constitúe unha oportunidade para achegar a danza á cidadanía e poñer en valor o esforzo, a dedicación e a evolución das alumnas e alumnos participantes.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.



