Nota de prensa:
ALFREDO LLANO E REMEDIOS LÓPEZ SUPERVISARON A PRIMEIRA PARTE DO PROXECTO MEMORIAS DO OFICIO DO MAR DE BURELA QUE ESTÁ A REALIZAR UNHA HISTORIADORA. AGORA CHEGARÁN AS ENTREVISTAS E DESPOIS UN DOCUMENTAL E UN LIBRO.
Burela, 28 de setembro de 2010. A historiadora Olga Suárez Mesías, encargada de facer un traballo de investigación da memoria recente de Burela, rematou a primeira parte do proxecto recopilatorio e presentóullo ao alcalde Alfredo Llano e á concelleira do Mar, Remedios López. Agora chegarán as entrevistas ás xentes do mar e despois realizarase un documental e tamén se procederá a editar un libro das Memorias do oficio do mar de Burela.
Segundo explica a edil socialista “este traballo foi realizado con consultas a diversas publicacións, tanto escritas como en formato DVD que fan referencia a Burela e ao sector pesqueiro, entre elas a mais importante foi o arquivo histórico da cofraría de pescadores San Juan Bautista de Burela e doutras publicacións escritas nas que podemos destacar Burela na memoria do colectivo cultural Buril, Pesquería tradicional y conflictos ecológicos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, A actividade pesqueira en Burela de Carmen Pérez Fraga ou Los balleneros en Galicia de Felipe Valdés Hansen. De todos eses estudios Olga Suárez fará unha introdución do que foi Burela dende o ano 1900 e a partires de aí todo xirará sempre arredor da cofraría, xa que temos actas dende 1923 que nos contarán o periplo que sofreu Burela en mans dos 17 presidentes e patróns maiores do pósito”.
Remedios López engade que “agora dende a Concellería do Mar estamos a facer reunións para definir o formato da edición e elixir dos distintos presupostos solicitados polo pobo un para poder comezar a segunda parte, un documental audiovisual, coas entrevistas das persoas relevantes do mundo do mar e tamén aos mariñeiros, redeiras, armadores, etc…”. A concelleira do Mar subliña que “esta segunda parte comezará con documentación histórica dos oficios do mar na idade contemporánea de Burela, datos históricos de cousas das que non aparece nada escrito como o forno para tinxir redes, a recollida da alga, a primeira estación costeira radiotelefónica, o conflito das volantas,o proxecto de 90 vivendas para pescadores de Burela, a fábrica de xéo… que quedarán gravados nun audio en un DVD. E máis adiante, unha vez feito o guión final deixaremos plasmado todo o traballo coa edición do libro Memorias do oficio do mar de Burela”.


























As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
O campo de fútbol do Cascabeiro acolleu o pasado sábado a III Festa do Mexillón, organizada polo Celta Barreiros. Centos de persoas achegáronse a gozar dunha tarde de gastronomía e de música. En total foron servidas 670 racións entre veciñanza e visitantes, que saborearon mexillóns e lacón. Os organizadores amosasen satisfeitos da acollida: “estamos contentos pola boa resposta dos asistentes”. E tiveron palabras de agradecemento “para os Concellos de Barreiros e de Foz pola boa colaboración”.
Familias, amizades e persoas de todas as idades viviron cada xogada e cada aplauso, evidenciando que o fútbol é tamén unha oportunidade para fortalecer a convivencia e a unión da veciñanza. O municipio felicitou á Selección Española polo seu título mundial, un éxito histórico que fixo vibrar a toda a comunidade.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.
A cita, consolidada como un referente do verán cultural no municipio, reuniu na Praza dos Campos á formación anfitriona do encontro, a Agrupación La Sidrina, de Lugones (Asturias) e o Grupo Folklórico Estampas de México. A programación continuou o sábado coa celebración do Festival Folklórico Infantil. Villares puxo en valor o labor que o grupo Mistura desenvolve durante todo o ano na conservación e difusión do patrimonio cultural galego, así como a importancia de iniciativas coma este festival “para manter vivas as tradicións e dinamizar a vida social e cultural dos nosos concellos”.
A mostra reúne imaxes tomadas en Galicia, Cataluña, Aragón, Andalucía, Senegal e Escocia, ofrecendo un percorrido pola biodiversidade e polos vínculos entre distintos ecosistemas. O fotógrafo, naturalista especializado en ornitoloxía, invita a contemplar a natureza cunha mirada pausada e consciente a través de 50 especies de fauna. Permanecerá aberta ata o 29 de xullo.
As familias, o equipo docente, e o alumnado da Escola Infantil Municipal desfrutaron esta semana dunha xornada de convivencia e aprendizaxe neste parque. Ao longo do día, ademais de visitar a reserva e coñecer de preto numerosas especies animais, compartiron un agradable picnic nas instalacións do parque e tiveron acceso tanto á zona exclusiva da reserva como ao resto do recinto. A xornada rematou cunha actividade moi especial: un pequeno teatro participativo sobre a prevención dos incendios forestais, no que os nenos e nenas aprenderon a importancia de coidar os nosos montes e de evitar condutas que poidan provocar lumes, como abandonar obxectos de vidro na natureza. Un día cheo de experiencias, convivencia e aprendizaxes que reforzan o compromiso coa educación ambiental desde as primeiras idades.



