Nota de prensa
A Xunta espera aprobar o proxecto sectorial de Barreiros no mes de maio
O responsable de Medio Ambiente recorda que na anterior lexislatura hai exemplos de actuacións similares ás de Barreiros, con importes superiores e onde a porcentaxe de participación da Xunta era maior
A Xunta espera aprobar o proxecto sectorial de Barreiros no mes de maio
*
O documento só está pendente do informe de Costas do Estado
*
Lembra que o anterior Goberno xa era consciente desta situación, que avanzou uns primeiros pasos coa elaboración dun convenio que ía na mesma dirección que o que agora está a promover a actual Xunta
*
O conselleiro de Medio Ambiente reitera que o convenio interadministrativo (Xunta, Concello e Deputación) non busca legalizar nada, senón proporcionar aos veciños de Barreiros servizos básicos
*
O convenio suscrito para afrontar as infraestruturas fixa un investimento de 14,1 millóns, dos que o Concello de Barreiros se fará cargo de algo máis do 50%, a Deputación de Lugo participará con cerca do 10% e a Xunta o 60% restante
Santiago, 23 de marzo de 2011.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas prevé aprobar o Plan Sectorial de carácter supramunicipal de Barreiros no próximo mes de maio, sempre que o único que informe que falta, o de Costas do Estado, sexa favorable, segundo manifestou esta mañá o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández.
Hernández afirmou que o plan sectorial é o instrumento máis acaído para canalizar o convenio subscrito entre a Xunta, o Concello de Barreiros e a Deputación Provincial de Lugo, para dotar ao solo dos núcleos urbanos das infraestruturas que o fagan apto a curto prazo para servir de soporte da edificación residencial proxectada. De feito –aclarou Hernández- a realidade de Barreiros foi unha situación coa que se atopou o actual Goberno, pero da que xa era consciente o Goberno anterior, que iniciou os primeiros pasos coa elaboración dun convenio que ía na mesma dirección que o que agora está a promover este Goberno.
O conselleiro sinalou que o Goberno galego seguirá a colaborar cos concellos na resolución das súas necesidades e problemas máis urxentes, sempre dentro da legalidade e do respecto á normativa que en cada momento sexa de aplicación.
Subliñou que a situación do Concello de Barreiros non é a única, senón que concellos da mesma comarca da Mariña presentan situacións análogas no seu desenvolvemento urbanístico, e engadiu que en todos eses casos, o Goberno trata de aplicar a Lei e colaborar para que estas situacións non se produzan. En definitiva, trátase de articular solucións, non de legalizar nada, nin dar coberturas a posibles situacións irregulares, afirmou.
Hernández sinalou que a pretensión da Xunta é proporcionarlle aos veciños os servizos básicos para o desenvolvemento da súa vida diaria, polo que o Goberno actual non está a aplicar en Barreiros un criterio diferente ao que se vén aplicando noutros concellos da provincia, no ámbito da cooperación para a dotación de infraestruturas.
Enumerou unha serie de exemplos de actuacións semellantes nas que a Xunta colabora cos concellos na adecuación de servizos municipais, “non só na actualidade, senón tamén noutras lexislaturas”- aclarou, por importes moi superiores e con porcentaxes moito maiores da Administración autonómica. No caso de Lugo, había un convenio de colaboración entre a extinta Consellería de Política Territorial e o Concello para a realización de infraestruturas viarias en varias rúas por un importe de 6 millóns de euros, e outro convenio para a realización de infraestrutura viaria por un importe de 8,5 millóns de euros. Tamén se asinou un convenio co Concello de Ferrol, por un importe de 8 millóns de euros, para a humanización das estradas de Castela (AC-862) e Catabois (antiga C-646).; mentres que no caso de Ourense, asinouse un convenio por un importe de 8 millóns de euros, para actuacións en estradas autonómicas.
Non só se asinaron convenios para actuacións en infraestrutura viaria, tamén para actuacións en saneamento do rural, como é o convenio co concello de Pontevedra para o saneamento do rural (10 millóns de euros); ou no caso do Marín, co que se estableceu un convenio por un importe de 5,6 millóns de euros.
Hernández concluíu que a acción política debe estar para resolver problemas, non para acrecentalos ou ignoralos, sen propoñer alternativas por pura subsistencia ou incapacidade. Asegurou que “este Goberno non vai por ese camiño, senón que tratará por todos os medios de afrontar os problemas e procurar solucións, sempre desde a vontade de diálogo e concertación e con respecto á legalidade.
Suspensión do planeamento
A insuficiencia nas redes de saneamento e depuración de augas residuais, na rede de abastecemento de auga potable ou na potencia na subministración de enerxía eléctrica, determinaron que o Consello da Xunta de Galicia por Decreto 15/2007, de 1 de febreiro, suspendese a vixencia das Normas Subsidiarias de Barreiros; aprobando unha ordenación urbanística provisional ata a entrada en vigor dun novo planeamento plenamente acomodado á actual lexislación.
Co obxectivo de acadar unha saída a esta situación, hai escasamente un ano (20 de abril de 2010) asinouse un convenio de colaboración interadministiva entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Barreiros para colaborar activamente e de forma conxunta na superación do escenario de incerteza observado no concello de Barreiros, desde o máis estrito respecto á legalidade vixente, o desenvolvemento sostible do territorio e a cohesión social da poboación nos catro núcleos urbanos delimitados neste concello: San Cosme, San Pedro, San Miguel de Reinante e Reinante.
Para afrontar as infraestruturas obxecto do convenio comprometeuse un investimento de 14,1 millóns de euros, dos que o Concello se fará cargo de algo máis do 50%, a Deputación Provincial de Lugo participará con cerca dun 10% e a Xunta achegará o 60% restante.











Baixo o título Memoria de mariñáns. Unha crónica da emigración da Mariña, o xornalista e investigador Martín Fernández Vizoso ofrecerá unha intervención centrada nas historias e vivencias dos emigrantes da comarca, ilustrando o fenómeno migratorio que marcou a vida de moitas familias ao longo do século XX. O evento inclúe tamén unha imaxe histórica de mariñáns retornados de América nos anos 30, que serve de fío visual para contextualizar esta realidade.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



