Nota de prensa
GIRONELLA, PRÓXIMA PARADA PARA UN BURELA FSF ESCASO DE EFECTIVOS
Gironella será a parada do Burela FSF Pescados Rubén na vixésimo segunda xornada de Honra, o sábado, a partir das 18.00 horas. O cadro de Javier Pardeiro defenderá a súa actual cuarta praza (38 puntos) no camiño ao podio minguado pola escaseza de efectivos; á recente marcha de Cuchi, por motivos persoais, súmanse as dúbidas de Ro, cunha escordadura de nocello, e Dolo, por un problema vírico.
A escuadra burelá saltará ao municipal gironellenc co firme obxectivo de non ceder terreo ante un rival que conseguiu marchar co empate de Vista Alegre (4-4). O podio está a tan só 2 puntos, custodiado polo Atlético de Madrid Navalarnero (40), e as laranxas queren coarse entre as mellores. Dende a undécima praza, as catalás perseguen un billete para a Copa de España que acollerá a vila de Burela. Recibirán o conxunto laranxa despois de disputar un dos mellores partidos de toda a tempada; impuxéronse por 1-5 ao Valladolid, quinto clasificado (35), na única vitoria que computan na segunda volta.