Nota de prensa:
No día Forestal Mundial: unha visión común sobre o problema das plantacións de eucalipto
21 de marzo de 2011. Con motivo do Día Forestal Mundial (21 de marzo), organizacións de conservación da natureza e ecoloxistas de carácter estatal e de Andalucía, Galiza Asturias, Cantabria e o País Basco, entre as que está ADEGA, presentan o manifesto [pdf] “Unha visión común sobre o problema das plantacións de eucalipto” (128 Kb) Neste manifesto, asinado por máis de 20 colectivos, faise unha breve análise sobre a conflictividade asociada a estas plantacións e, sobre todo, preséntase unha folla de rota ás administracións públicas e ó sector do eucalipto para rematar con máis de 40 anos de conflictos xenerados por estas plantacións.
“Durante os últimos corenta anos esta árbore deu lugar a encendidas polémicas sobre os seus impactos ambientais, sobre a súa rendibilidade ou sobre a capacidade do territorio para acoller máis eucaliptos” declarou Miguel Ángel Soto, da campaña de Bosques de Greenpeace España.
Durante as últimas décadas rexistrouse unha gran expansión do eucalipto en Galicia, a comunidade autónoma española con maior superficie de eucaliptais. En 1972/73, cando se realizou o traballo de campo para o primeiro Inventario Forestal Nacional (IFN I), o eucalipto estaba presente nun total de 131.181 ha. Segundo o IFN III (o seu traballo de campo realizouse en Galicia durante os anos 1997 e 1998) o eucalipto, en masas puras, ocupa unha superficie de 174.210 ha en Galicia. Pero este dato no reflicte a superficie real ocupada polo eucalipto nos montes galegos, pois ás masas puras hai que sumar as formacións nas que o eucalipto aparece mesturado co piñeiro ou con outras especies, e que tenden a evolucionar cara a masas dominadas polo eucalipto. De forma que, só ou en compañía doutras árbores, o eucalipto esténdese por 396.344 ha, o 28% da superficie arborada galega. Dende a realización deste último IFN, a superficie de eucalipto aumentou ata, probablemente, atinxir o obxectivo de superficie en masas puras proxectado no Plan Forestal de Galicia (PFG): 245.000 ha.
Actualmente, as masas puras e mixtas de eucalipto chegaron a ocupar máis de 760.000 hectáreas no Estado Español. Tras Galicia, a rexión con máis superficie de eucalipto no noso país é Andalucía (156.000 ha), seguida de Estremadura (75.000), Cantabria (60.000 ha), Asturias (58.000 ha) e o País Basco (14.500 ha). Estas plantacións supoñen o 7% da superficie mundial de plantacións de eucalipto, que suman máis de 20 millóns de hectáreas, sendo Brasil, India e China os principais países con este tipo de plantacións. Se temos en conta só á especie Eucalyptus globulus, na península ibérica localízase o 53% (31% Portugal, 22% España) da superficie mundial ocupada por esta especie.
Aínda que en Andalucía e Estremadura a superficie de eucalipto diminuiu na última década, noutras rexións a planificación forestal non ten podido, ou non ten querido, delimitar cómo e ónde se pode seguir a plantar eucaliptos. A contorna de Doñana, a Galicia interior ou a media montaña de Asturias o Cantabria seguen a ser ocupadas, ou corren o risco de se ver afectadas, por estas plantacións. Ademais, o eucalipto amosa unha significativa capacidade invasora, sobre todo despois de incendios, que favorece a súa expansión.
“Os males do eucalipto non son imputables a esta árbore, senon a unhas deficientes técnicas de planificación, repoboación, selvicultura e explotación, é decir, ó home”, declarou Xosé Veiras, de Verdegaia.
“As afirmacións da industria sobre a súa alta rendibilidade, co tempo demostráronse falsas” sinalou Antón Lois, de Amigos da Terra.
O manifesto “Unha Visión Común sobre o problema das plantacións de eucalipto” recolle un conxunto de demandas elaboradas polo movemento ecoloxista co asesoramento dunha parte da comunidade científica, que avogan por unha ordenación racional do sector e pola mellora das prácticas forestais nestas plantacións. O manifesto recolle 8 grandes directrices:
*
Fixar un límite de ocupación do territorio baseado en criterios científico-técnicos.
*
Respecto á planificación forestal, ás estratexias e plans de ordenación do territorio e á lexislación ambiental.
*
Prohibición de novas plantacións en espazos naturais protexidos e eliminación progresiva das existentes.
*
Establecer directrices de xestión específicas con indicadores para reducir significativamente os impactos negativos do modelo de xestión dos eucaliptais.
*
Incrementar e mellorar a investigación independente sobre xestión forestal aplicable ás plantacións de eucalipto na península Ibérica.
*
Utilizar a certificación forestal do FSC (Forest Stewardship Council) como unha das ferramentas posibles para mellorar a xestión das plantacións de eucalipto.
*
Non autorizar o desenvolvemento de plantacións de eucaliptos transxénicos.
*
Non considerar as plantacións de eucalipto como solución ó cambio climático.
*
Pedir o compromiso da sociedade coa reducción do consumo de papel e de enerxía.
“O movemento ecoloxista quere fuxir de posicións irreductibles a favor ou en contra do eucalipto. As nosas demandas sinalan unha folla de rota cara a onde debe encamiñarse o sector e o futuro das superficies ocupadas polo eucalipto”, declarou Fins Eirexas, de ADEGA.
“Deberíamos comezar por deixar de plantar eucaliptos nos espazos protexidos e nos hábitats de especies ameazadas”, declarou Serafín González Prieto, da Sociedade Galega de Historia Natural.
Nota:
1.
O documento foi suscrito por: Amigos de la Tierra – Asociación Asturiana de Amigos de la Naturaleza (ANA) – Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) – AEMS-Ríos con Vida – Asociación para la Defensa de los Recursos Naturales de Cantabria (ARCA) – Asociación para la Recuperación del Bosque Autóctono (ARBA) – Asociación Medioambiental Izate Ingurugiroaren Taldea (País Vasco) – Colectivo Ecologista de Avilés – Coordinadora Ecoloxista de Asturies – Ecologistas en Acción – Greenpeace España – Grupu d`Ornitoloxia Mavea – Instituto para la Calidad y la Educación Ambiental – SEO/Birdlife – Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) – Salvemos los Territorio del Bajo Navia (SALTERNAVIA) – Sociedad de Ciencias Naturales de Sestao – Verdegaia – WWF España.





















Pasadas as 13:30 horas deste luns, o 112 Galicia tivo constancia, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dun ciclista que se atopaba en parada cardiorrespiratoria no quilómetro 1 da LU-151, á altura da parroquia de Fazouro. De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Foz. Malia os esforzos, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa.
A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.



