Nota de prensa
Alvarez e Fernández-Couto falaron
A voceira de Montes do Grupo parlamentario popular Emma Alvarez, xunto co director xeral de Montes Tomás Fernández-Couto salientaron en sendas charlas desenvolvidas onte en Lourenzá e hoxe en Xove que a esta nova figura persegue a posta en valor do monte e o aumento da renda agraria
Xove, a 16 de abril de 2011.- Emma Alvarez e Tomás Fernández-Couto explicaron durante as charlas informativas organizadas polo Partido Popular en Lourenzá e Xove que dende a Xunta, e concretamente dende a Consellería do Medio Rural, estase a impulsar o fomento das agrupacións de propietarios forestais, para o que o Decreto que regula os requisitos e cualificación das sociedades de fomento forestal (SOFOR) e a creación do seu rexistro conforma unha importante ferramenta .
Con esta iniciativa, segundo explicaron, deuse cumprimento a un dos compromisos máis importantes asumidos no seu momento pola Xunta en materia de ordenación do monte para esta lexislatura. Esta norma confire, de feito, personalidade xurídica á figura das SOFOR, que ten como principal obxectivo acadar unha xestión máis sostible e rendible do monte, a partires das pequenas parcelas de propiedade forestal particular existentes.
Esta nova figura, segundo indicaron, presenta diferentes vantaxes: en primeiro lugar, o feito de ser propia do dereito privado, con regulación mercantil específica; en segundo termo, que a súa finalidade non se restrinxe únicamente á prevención de incendios forestais, senón que vai máis alá, buscando a posta en valor do monte e o aumento da renda agraria; tamén ten ao seu favor a adscrición sempre voluntaria dos propietarios; permítese, ademais, capital privado investidor só no capital social (poden coexistir socios propietarios con outros capitalistas); garántese o dereito de propiedade dos socios, que só ceden os dereitos de uso e a venda de produtos por aproveitamento forestal pode facerse de maneira directa desde a sociedade.
O modelo das SOFOR, voluntario e de responsabilidade limitada ás aportacións para os socios, está baseado no mantemento da propiedade por parte dos titulares dos terreos, que unicamente aportan o uso dos mesmos á sociedade; cun obxecto social especificamente orientado á xestión, aproveitamento e comercialización dos recursos de xeito conxunto.
Coas SOFOR apóstase por unha explotación económica rendible do monte, que se converte nun factor imprescindible para facer posible unha xestión sostible das superficies forestais de propiedade privada. Este obxectivo resultaba ata o de agora, segundo indicaron, de difícil consecución se se ten en conta a estrutura da propiedade e a organización do monte de particulares en Galicia, que se caracterizaba por unha excesiva fragmentación da propiedade.
Neste senso resulta evidente que para acadar unha explotación económica rendible e sostible do monte é fundamental dispoñer dunha superficie mínima adecuada e, para conseguir isto, é imprescindible, segundo salientaron Alvarez e Fernández-Couto, o impulso e fomento, desde as institucións públicas, das actuacións de concentración, xa sexa da propiedade forestal, xa sexa da xestión da mesma. Neste contexto, considérase que a figura societaria de responsabilidade limitada se adapta adecuadamente ás necesidades de xestión do monte galego. Trátase, ademais, dunha figura que permite unha diferenciación clara e unha articulación flexible entre propiedade e xestión.
Entre as principais finalidades que teñen as SOFOR están, en primeiro lugar, o fomento da incorporación voluntaria a sistemas de xestión conxunta dos aproveitamentos forestais por parte dos propietarios, incluíndo os aproveitamentos e a comercialización das producións forestais dirixidos á mellor ordenación e xestión dos montes galegos. En segundo termo, búscase outorgar un maior protagonismo ás persoas silvicultoras, permitíndolles alcanzar unha rendibilidade das súas propiedades forestais, e a conseguinte consolidación da súa propiedade. Por outra banda, trátase de posibilitar unha axeitada xestión sostible das superficies forestais de propiedade privada, alcanzando superficies suficientemente extensas de xestión conxunta e a aplicación de instrumentos de xestión forestal sostible. Por último, outro dos obxectivos é reducir o nivel de abandono do monte galego e diminuír o risco de incendios forestais.
Terán a consideración de “sociedades de fomento forestal” aquelas agrupacións de propietarios que asocian a persoas titulares de dereitos de uso de parcelas susceptibles de aproveitamento forestal, que ceden os devanditos dereitos de uso á sociedade. Ademais, poderán asociar a outras persoas físicas ou xurídicas que non sexan titulares de dereitos de uso de parcelas, sempre e cando a súa participación non supere o 49% das participacións sociais. Entre os requisitos xerais que se establecen para as SOFOR figuran os de ter a forma xurídica de sociedade de responsabilidade limitada, ter o domicilio social e fiscal en Galicia e inscribirse no rexistro creado a tal efecto no propio Decreto.
Máis polo miúdo, entre as condicións que teñen que cumprir estas figuras societarias atópase a superficie forestal mínima a xestionar conxuntamente que, atendendo á súa tipoloxía, será a seguinte: Para plantacións forestais de froito, 15 hectáreas; para plantacións de frondosas caducifolias ou masas preexistentes de frondosas autóctonas, 25 hectáreas e, por último, para outras plantacións ou aproveitamentos forestais, 50 hectáreas.
Tamén se establece, segundo explicaron, o requisito de que as SOFOR deberán dispor, por calquera medio xurídico válido, dos dereitos de uso da superficie forestal. En canto á delimitación desa superficie, establécese que poderá estar formada por un máximo de tres unidades en couto redondo, sendo a extensión mínima de cada unha delas a equivalente ao 25% da mínima establecida polo propio Decreto.
Poderán incluír ata un 30% de superficie de encravados, que non computarán para a os efectos da superficie mínima esixida, deberán estar contidas nun mesmo termo municipal ou en concellos colindantes e non se verán interrompidas por límites naturais (ríos, lagos, etc.), artificiais (vías de comunicación) nin administrativos (concellos, provincias).
As SOFOR terán que dispor dun Instrumento de Ordenación da Xestión Forestal, aprobado pola dirección xeral competente en materia de montes, entendéndose por tal os proxectos de ordenación de montes, plans técnicos ou outras figuras equivalentes.
Con respecto ao seu obxecto social, destacar que unicamente poderá ser a explotación e aproveitamento en común dos terreos forestais dos que o uso das parcelas foi cedido á Sociedade, mediante unha xestión sostible e viable dos mesmos, concretada nos aproveitamentos forestais definidos na Lei de Montes: Os madeirables e leñosos, incluída a biomasa forestal, os de cortiza, pastos, caza, froitos, fungos, plantas aromáticas e medicinais, produtos apícolas e os demais con valor de mercado característicos dos montes. Son polo tanto posibles SOFOR dedicadas unicamente á produción de madeira, ao aproveitamento de pastos, ou á produción de castañas; ou SOFOR cunha produción combinada, dependendo da orientación que lle dean os propietarios socios das mesmas.
Prazo
A cesión de dereitos de uso á sociedade realizarase por un prazo indefinido ou determinado e concreto, sempre por un mínimo de 25 anos. Na súa normativa crease tamén o Rexistro de SOFOR, que ten entre as funcións a de inscribir as agrupacións de propietarios forestais e cualificalas con esta figura societaria e, no seu caso, determinar a baixa daquelas que perderan tal cualificación; recibir a información periódica a proporcionar polas SOFOR, cualificala e inscribila; realizar a ordenación, tratamento e publicidade da información rexistral acumulada e resolver as cuestións que sexan da súa competencia, en aplicación da normativa correspondente.
Incentivos
Na norma regúlanse ademais os incentivos susceptibles de aplicación para esta figura, establecendo que as SOFOR con inscrición definitiva no rexistro poderán beneficiarse de subvencións de ata o 100% dos gastos necesarios para a realización da concentración privada das propiedades integradas na sociedade. Neste caso, a lo menos o 70 por cento da superficie a concentrar debe ser de titularidade da propia SOFOR ou dos socios da mesma.
Ademais, poderán recibir axudas de ata o 100% dos custos de redacción do proxecto de obras e infraestruturas comúns, e da mesma porcentaxe para cubrir os custos de redacción do Instrumento de Planificación da Xestión Forestal. A subvención poderá chegar ao 70% dos custos de execución de infraestruturas comúns derivadas do proceso de concentración privada das parcelas. Para facilitar a inclusión no rexistro das SOFOR de entidades constituídas baixo distintas figuras xurídicas que agrupen á propiedade forestal, contémplase un período de doce meses, así como axudas específicas.






















Cómpre sinalar que este produto conta cun distintivo de calidade diferenciada, a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, un dos 36 selos recoñecidos en Galicia que amparan a súa excelencia. Neste sentido, a Xunta vén de lanzar a nova marca Aquí Sabemos, coa que se busca reforzar o coñecemento e a identificación por parte dos consumidores dos produtos alimentarios galegos protexidos por figuras de calidade diferenciada.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Están organizadas por Acisa e financiadas pola Área de Medio Rural e Mar da Deputación de Lugo. 25 locais hostaleiros ofrecen tapas e racións en diversas preparacións. Acisa repartiu entre os establecementos 1.100 quilos de mexillóns para esta cita gastronómica. Ata Ribadeo se achegou o deputado Dani García, que estivo xunto á presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, e os concelleiros ribadenses Martín Graña e Vicente Castro.
Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falou coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá. Por diante queda toda unha fin de semana chea de actividades arredor da faba de Lourenzá. Os organizadores animan a acudir a esta cita.
Os asistentes puideron coñecer de preto unha particular viaxe que parte de Ribadeo e percorre Galicia en 37 etapas bordeándoa e combinando ciclismo, patrimonio, cultura e paisaxe. Jorge Justo estivo acompañado polo alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e por Pablo Mosquera, ex director do Hospital da Costa (agora Hospital Público da Mariña).
Neste curso a actividade estará dispoñible para as nosas pequenas Xoias e para alumnado externo, cunha sesión semanal, a cargo de Yasmin Toledo e Patrícia Sousa, do equipo de Segunda División. O alumnado poderá escoller o seu horario de adestramento entre os luns (16:00 h.-17:00 h., Vista Alegre) e os venres (19:30 h.-20:30 h., Monte Castelo). A actividade terá un custo de 6€/mes para o alumnado da escola laranxa e 24€/mes para o alumnado externo.



