Nota de prensa
Deputación e Concello converterán o Hotel Miño no centro referencial da UNED do noroeste de España
– Terá 1.993 m2 e 4 pisos logo de facer da terraza unha pranta cuberta onde se situarán os laboratorios e o salón de actos; unha biblioteca o triple ca actual, con conexión a Internet de 10 megas; así como 16 aulas con tabiques móbiles para acoller a 200 persoas
– A Xunta de Goberno provincial aprobou a demolición do bloque 2 para construir un aparcadoiro de 1.900 m2 con 92 prazas
– Besteiro avanzou que a semana próxima estará o anteproxecto, en maio licitaranse as obras e en xuño executaránse, mentres Prieto amosou a súa intención de que, en xaneiro, as clases se celebren na nova sede
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Director da UNED en Lugo, José Luís Prieto, xunto a técnicos provinciais e do centro universitario, regresaron este venres ó Hotel Miño para determinar as súas necesidades de cara a axilizar o traslado da sede oficial da Universidade a Distancia. Unha vez avaliadas “in situ” as instalacións e constatadas as súas posibilidades, a comitiva acordou as características da nova sede. Segundo Luís Prieto, a UNED de Lugo será “o centro de primeiro nivel en Galicia, Asturias, León, Zamora e Salamanca”, converténdose no centro referencial do noroeste de España.
O organismo provincial aprobou xa no Pleno de marzo unha partida orzamentaria de 1.320.000 euros para a adecuación do bloque número 1 na súa totalidade. Son en total 1.993 metros cadrados que, logo dos traballos pactados nesta visita entre ambas as dúas institucións e que executará a Deputación, quedarán distribuidos en 4 prantas:
– Na pranta baixa (446 m2) situarase unha biblioteca de acceso libre, con conexión a Internet de 10 megas e cuxa extensión triplica a existente. Ademais, localizarase o departamento de orientación, formación e emprego (COIE), así como o de atención ó alumnado.
-Na primeira pranta (536 m2) habrá 6 aulas compostas por tabiques móbiles facendo posible que en tempadas de maior afluencia de estudantes, por exemplo durante a celebración de exames, quede unha soa sala con capacidade para 200 persoas. Tamén neste espazo, se localizará a sala de reunións e a de dirección.
– Na segunda pranta (536 m2) estarán as restantes 12 aulas -isto significa que a UNED contará cun total de 16 aulas-, así como a área de informática.
– A terceira pranta (475 m2), que hoxe é a terrraza, converterase no espazo que acolla o salón de actos e os laboratorios.
Construción do aparcadoiro
No plan de necesidades redactado pola UNED contémplase a construción dun aparcadoiro. A este respecto, Besteiro avanzou que na Xunta de Goberno de hoxe xa se aprobou o proxecto de demolición do bloque 2 para este fin. En 15 días, o organismo provincial contratará estas actuacions, dotadas de 89.000 euros, facendo posible a súa inmediata execución. Isto permitirá, que nun mes, esté preparada unha superficie de 1.900 metros cadrados onde crear un aparcadoiro de 92 prazas.
Será un espazo que empregarán os máis de 1.500 estudantes e os 32 traballadores das brigadas de mantemento da Deputación, Arquivo Provincial e Axencia da Enerxía. Estes últimos profesionais situaranse no bloque 3.
Prazos
Gómez Besteiro destacou o feito de que Deputación e UNED xa acordasen as características do centro universitario “xa que isto permitiranos ter listo a semana que vén o anteproxecto”. Co fin de axilizar o traslado, o Presidente avanzou que o organismo provincial licitará as obras no mes de maio para comezar a executalas en xuño. O Director da UNED en Lugo expresou a súa intención de estar afincado nas novas instalacións o vindeiro mes de xaneiro.
Ventaxas do traslado
O Alcalde de Lugo e Vicepresidente do Padroado da UNED, José López Orozco, propuxo o traslado da universidade ó Hotel Miño. O Presidente apoiou a iniciativa polas súas vantaxes: aforro dos 105.000 euros anuais que custa o aluguer da zona na Cámara de Comercio onde na actualidade se sitúa a UNED; maior espazo para acoller os máis de 1.500 alumnos que, segundo as previsións do Padroado, superarán en dous cursos os 2.000; cumprimento da obriga de adaptar o centro ó novo marco universitario europeo; contribución á permanencia da sede, é dicir, consolidación da existencia da UNED en Lugo; e, xunto co Plan Director do Río Miño de Deputación e Concello de Lugo, posta en valor da zona.
Hotel Miño
O Hotel Miño foi adquirido polo organismo provincial en 1984. En 2007, a anterior corporación provincial acordou a súa posta á venda, operación que non chegou a formalizarse debido ó incumprimento do comprador. Posteriormente, voltouse por á venda en 2 ocasións nas que nos se presentaron ofertas. Finalmente, ante a petición da Asociación Provincial da Hostelalería dun centro de formación en Lugo, a Deputación púxoo a disposición da Xunta sen obter resposta algunha. Agora, Deputación e Concello de Lugo dan a este patrimonio público unha finalidade pública.


















A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.



