Nota de prensa:
ANTÓN BAO PRESENTOU A IV VOLTA CICLISTA ÁS COMARCAS DE LUGO E A COPA LUGO 2011
A proba disputarase entre o 3 e o 5 de xuño con tres etapas con saída e chegada en Lugo, Riotorto e Monforte de Lemos, respectivamente
O nivel da proba está garantido e consolidado nesta cuarta edición coa participación de máis de 15 equipos Elite/sub-23
LUGO, 16 de maio de 2011. O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao presentou esta mañá na Deputación a IV Volta Ciclista ás Comarcas de Lugo que se disputará entre os días 3 e 5 de xuño, con etapas coa saída e chegada en Lugo, Monforte de Lemos e Riotorto. Na presentación estivo o presidente da agrupación organizadora Club Ciclista Cidade de Lugo, Eugenio Paz Fernández, xunto aos representantes dalgúns concellos polos que transcorren as etapas como o alcalde de Rábade ou o concelleiro de Turismo e Deportes de Lugo, Xosé Manuel Grandío, e Santiago Seijas Alfonso, director da proba.
Na súa intervención, Antón Bao auguroulle un prometedor futuro a este campionato logo do “gran éxito acadado nas súas primeiras tres edicións, o que xa consolidou a proba, e que, de seguro, se repetirá este ano”. Nesta liña, o vicepresidente da Deputación de Lugo lembrou que un dos obxectivos da Área de Deportes desta entidade é o de “fomentar a práctica do deporte, sexa cal sexa a súa disciplina, en todas e cada unha das comarcas lucenses”. Así, o nacionalista resaltou que “seguimos traballando para descentralizar a práctica e a organización de determinados eventos deportivos”, un feito que suporá “un forte impulso socioeconómico” para as zonas nas se poñan en marcha este tipo de iniciativas porque “nas comarcas de Lugo, e de Galiza por extensión, contamos cun impresionante patrimonio natural e paisaxístico que debe ser posto en valor, como un concepto, o da paisaxe, froito da interpretación histórica do contorno natural, rural ou urbano en clave cultural, o que nos define na nosa identidade como país”. Bao explicou que “coa organización desta IV Volta Ciclista ás Comarcas de Lugo queremos recoller para pór en valor conxuntamente as potencialidades dos nosos ciclistas e do noso territorio, facendo que o transcurso da competición ciclista sirva tamén para facer conscientes a propios e alleos dos valores do noso territorio e paisaxe, e que isto repercuta socieconomicamente na zona”.
A IV Volta Ciclista ás Comarcas de Lugo disputarase o 3, 4 e 5 de xuño, coas etapas Lugo-Lugo, Monforte de Lemos-Monforte de Lemos, e Riotorto-Riotorto esta última de gran dificultade para os corredores xa que conta con varios portos de primeira categoría como son a subida ao Marco de Álvare ou á Cruz da Cancela. Os equipos participantes son os galegos do Autronic de Vigo, Aluminios Cortizo de Padrón, Caeiro de Cambre e Novacaixagalicia. Doutros países e rexións do estado español proveñen o Bidelan-Kirolgi do País Vasco, Tarragona-Mopesa de Cataluña, Mútua de Levante-Café Max e Asfaltos Guerola-Valencia Terra i Mar de Valencia, Caja Rural de Navarra, Ciudad de Oviedo-Nesta e Construcciones Paulino de Asturias, Camargo-Ferroatlántica de Cantabria, aos que hai que engadir o Maia e o Loule de Portugal e o Lokomotiv ruso.
O presidente do Club Ciclista Cidade de Lugo, Eugenio Paz, agradeceu o esforzo que a Área de Deportes da Deputación fixo desde os seus inicios por poñer en marcha esta proba ciclista e o constante apoio, sobre todo neste ano, lembrou, no que moitas probas ciclistas por etapas tiveron que deixar de celebrarse pola baixada do apoio económico por mor da crise.
Copa Lugo 2011
Ademais, dentro do traballo de promoción do ciclismo desde a base, presentouse a Copa Lugo 2011, unha competición que constará de catro probas para principiantes, alevíns e infantís que se disputarán en diferentes concellos lucenses. Estas probas terán lugar o 28 de maio na Pastoriza (no circuíto de karts), o 11 de xuño en Rábade, o 15 de agosto en Outeiro de Rei (no circuíto de Robra) e o 8 de outubro en Lugo, na avda. Ramón Ferreiro.
Estas probas, para os nenos e nenas de categoría principiante consistirá nunha xincana, mentres que para os alevíns e infantís serán probas de varias voltas a un circuíto. Ao estar a Copa Lugo inscrita no calendario da Federación Galega de Ciclismo participarán clubs de toda Galiza.






















Dende as 10 da mañá máis de 170 vehículos ocuparán o aparcamento de Coto ata as 13:30, cando partirán en caravana cara Arealonga. Alí permanecerán ata as 17:00, momento no que iniciarán a ruta pola estrada das praias, regresando ás 18:30 para a entrega de premios e a clausura, prevista para as 20:30. A cita reunirá máis de 300 participantes, con presenza de persoas chegadas de Pamplona, Bilbao e doutros puntos do Estado. O evento, organizado por retroclasicos_barreiros e co apoio do Concello, continúa a atraer amantes dos vehículos clásicos e a dar visibilidade á beleza de Barreiros.
A entidade, coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación, organizará nas próximas semanas a XIII exposición Tal como eramos (28 de agosto), a proxección do filme Antes de nós (3 de setembro) e a homenaxe polo XXII cabodano de Manuel María (6 de setembro). A área de Cultura provincial reforza así o seu apoio continuado ao Iescha, referente na conservación e difusión da cultura galega e chairega.
No acto, o autor estará acompañado por Xosé Ramón Veiga, profesor de Historia Contemporánea na USC, e por Francisco Villamil, profesor de Ciencia Política na Universidade Carlos III. A Galicia moderna (1880-1939) desmonta a visión tradicional dunha Galicia rural, atrasada e pasiva no cambio de século, e amosa a profunda transformación económica, agraria e social que viviu o país nese período.
No acto intervirán o autor e Xoan Ramón Fernández Pacios, cronista oficial de Foz. A actividade está organizada pola Federación de Librarías de Galicia en colaboración co Concello de Foz.
Villares visitou a exposición fotográfica dedicada a Calvo-Sotelo, instalada na praza de Pancho Maseda, que forma parte do programa conmemorativo do centenario. A mostra reúne unha selección de imaxes seleccionadas pola propia familia do expresidente para achegar á cidadanía diferentes momentos da súa traxectoria persoal e política. A conmemoración, que se estende ao longo de todo 2026, busca poñer en valor a figura de Calvo-Sotelo e a súa relación con Ribadeo, onde deixou unha importante pegada vinculada, entre outras cuestións, ao impulso de infraestruturas.
Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
O alcalde, Dani Vega, fixo un balance moi positivo: “foi un concerto moi especial nun marco espectacular, como é a igrexa parroquial de Ribadeo, e no que o gaiteiro Carlos Núñez encandilou aos asistentes co seu repertorio. Todos os asistentes disfrutámolo moito”. Xunto a Carlos Núñez estiveron o rexedor e as concelleiras de Cultura, Turismo e Seguridade, Begoña Sanjurjo, Marta Saiz e Montse Seijo.
