Nota de Prensa.
ACIA FOZ INICIA UNHA CAMPAÑA DE DIFUSIÓN E PROMOCIÓN DA TARXETA DE FIDELIZACIÓN O COMERCIO FAI POBO, COMPRA NA TÚA VILA. JOSÉ CARLOS PALEO AGARDA CONSEGUIR 3.000 ALTAS NOS VINDEIROS TRES MESES.
Foz, 14 de xuño de 2011. A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz inicia estes días unha campaña de difusión e promoción da súa tarxeta de fidelización O comercio fai pobo, compra na túa vila. O presidente, José Carlos Paleo, subliña que “agardamos nos vindeiros tres meses conseguir a alta de 3.000 tarxetas. Os veciños de Foz e as persoas que acuden a comprar á nosa vila deben lembrar que con esta tarxeta de fidelización poder obter importantes descontos nas súas compras, así como participar nas diferentes campañas de promoción que realicemos ao longo de todo o ano”. Paleo engade que “tamén poden usala como tarxeta moedeiro e arquirir tarxetas regalo para agasallar”.
Os establecimentos adheridos á tarxeta de fidelización de ACIA Foz son ata o momento: Calzados Pirde, Longarela Moda, Ginzo Hombre-Mujer, Kaos, Ofifoz, Cenor Belian Norte, Suministros Veipa, librería Bahía, mesón O Tangarte, zapatería Chinela, Electricidad Núñez, PI.R e centro óptico Eliseo. O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz agarda que “nas vindeiras semanas sexan moitos máis os locais comerciais que formen parte desta iniciativa que está pensada para potenciar as compras no noso comercio tradicional”.
Balance anual
ACIA Foz celebrou onte pola noite a súa asamblea anual na que José Carlos Paleo fixo un balance moi positivo do primeiro ano que leva ao frente deste colectivo no que se realizaron unhas quince campañas de promoción do comercio e da hostelería da vila, algunhas tan novidosas coma a festa da cociña afrodisíaca ou o mes do pincho electoral. A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz tamén organizou diversas conferencias nos últimos meses sobre as novidades tributarias e axudou a tramitar subvencións para a contratación de traballadores desempregados, para a prevención de riscos laborais ou para impartir cursos de formación para os comerciantes, entre outras. ACIA Foz renovou neste ano a súa páxina web, na que tanto asociados como clientes poden informarse de toda a actualidade do sector e tamén está presente nas redes sociais como Facebook.
José Carlos Paleo asegura que “a intención que temos é seguir facendo unha campaña mensual en hostelería para apoiar a este sector e para ofrecerlles alternativas de ocio aos nosos veciños e aos visitantes, así coma as campañas de promoción do noso comercio. Agora a máis destacada que temos e que nos vai ter ocupados durante moitas semanas é a da tarxeta de fidelización, pero logo haberá máis”. O presidente de ACIA Foz tamén anunciou que “xa estamos a traballar nas iniciativas que levaremos adiante durante todo o verán e que iremos presentando a medida que se acheguen as datas”.