Nota de prensa
COMEZARON AS OBRAS DE ACONDICIONAMENTO E MELLORA DA RÚA SAN ROQUE NO TREITO COMPRENDIDO ENTRE A PRACIÑA DO MESMO NOME E O ENCONTRO COAS RÚAS RAMÓN GONZÁLEZ E ROSALÍA DE CASTRO. OS TRABALLOS SUPORÁN UN INVESTIMENTO DE 80.000 EUROS E O PRAZO DE EXECUCIÓN SERÁ DE 2 MESES.
Ribadeo, 30 de setembro de 2011. Deron comezo as obras de acondicionamento, mellora e embelecemento da rúa San Roque, desde a praciña do mesmo nome ata o encontro con Rosalía de Castro e Ramón González. Os traballos contan cun investimento de 80.000 euros e un prazo de execución duns dous meses. O alcalde, Fernando Suárez, pide disculpas polas molestias e incomodidades que poidan ocasionar aos veciños.
Suárez Barcia explicou que “desde o Concello iniciamos unha nova obra nesas rúas ás que tanto viñemos cambiando nos últimos anos, e agora damos un pequeniño paso máis a pesares da situación económica complexa, pero parécenos importante seguir a transformar Ribadeo, tal e como o viñemos facendo nos últimos tempos. De aí que en colaboración coa Dirección Xeral de Comercio da Xunta e o Concello imos transformar e mellorar un treito importante da rúa San Roque, o que vai desde o encontro de Rosalía de Castro e Ramón González ata a praciña de San Roque. É un tramo pequeno, pero moi transitado e moi importante pola afluencia dos nenos ao colexio que está nas inmediacións e que en momentos puntuais do día ten moito paso peatonal”.
O rexedor sinalou que “decidimos ampliar e mellorar as beirarrúas, poñelas de granito, acondicionar todas as acometidas soterradas que están moi desgastadas e deterioradas co paso do tempo, o saneamento, a telefonía, o subministro eléctrico… e imos aproveitar tamén o momento para meter as novas conduccións do novo operador de telecomunicacións R, así como colocar bancos e uns arboriños”. O investimento ascende a 80.000 euros e o prazo de execución será duns dous meses.
Fernando Suárez dixo que “seguro que molestaremos aos veciños, aos peóns, interrumpiremos algo o tráfico, pero estou convencido, como en todas as obras que viñemos facendo, que o resultado sexa maravilloso e algo digno para todos os veciños e visitante do noso concello”. O alcalde enviou cartas aos veciños da zona advertindo do incio destes traballos e pedíndolles disculpas polas incomodidades e molestias que lles poidan ocasionar.