Nota de prensa
MARIO OUTEIRO E ANTONIO VEIGA REUNÍRONSE COS REPRESENTANTES DE ASOCIACIÓNS XUVENÍS E DA HOSTALERÍA PARA RECUPERAR O SERVIZO DO NOITEBÚS
O obxectivo é fixar as liñas de colaboración que permita restablecer o servizo nos lugares que foi suprimido pola Xunta de Galiza
Lugo, 29 de setembro de 2011. O vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, mailo delegado de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, reuníronse esta mañá no pazo de San Marcos con representantes das asociacións xuvenís, dos concellos e da hostalería da provincia, co obxectivo de discutir as liñas de colaboración que se desenvolverán a fin de restablecer o servizo de Noitebús, un servizo que se manifestou efectivo mentres funcionou, e que a día de hoxe exclúe á grande maioría do territorio de Lugo. A Área de Mocidade da Deputación traballa para restablecer estas liñas de transporte nocturno para a xente moza, drasticamente reducido na provincia por parte da Xunta de Galiza, nunha decisión política sen xustificación e, como explicou o vicepresidente “dunha absoluta irresponsabilidade, xa que significa de aumento do risco para a xente moza”.
Antonio Veiga explicou que “nesta reunión que mantivemos, o que se puxo enriba da mesa foi a necesidade de artellar algunha medida para que os rapaces e as rapazas dos diferentes concellos poidan desprazarse na fin de semana ao lugares de diversión coas suficientes garantías de seguridade”. Segundo manifestou o vicepresidente, “unha vez que desapareceu o proxecto do Noitebús da Xunta, hai que determinar medidas que permitan o equilibrio nos territorios: que un rapaz dunha vila pequena teña os mesmos medios para divertirse que un dunha vila grande ou cidade”. O acordo que poida tomarse “beneficiará á hostalería local, ás empresas de transporte, e o que é máis importante, sería un paso decisivo a favor da seguridade dos nosos rapaces e rapazas nas fins de semana”. Aínda que a concreción das liñas é algo que estará determinado por compromiso dos concellos e do sector da hostalería, xa que son os que máis interese teñen neste asunto, o vicepresidente confirmou que “a vontade é prestar liñas que cubran o conxunto das comarcas de Lugo, garantindo o desprazamento dos mozos e mozas aos municipios de cabeceira da súa comarca”.
Actualmente, só hai catro liñas en funcionamento en Lugo: unha que funciona durante todo o ano (Lugo-Rábade-Muimenta), e tres de carácter temporal (A Fonsagrada-Cadavo-Meira-Muimenta), (Taboada-Portomarín-Guntín-Lugo), (Chantada-Taboada-Monterroso-Chantada), ficando excluídas deste servizo comarcas enteiras de Lugo, como a Mariña, Monforte e a Ribeira Sacra. Discrimínanse, deste xeito, do servizo a concellos en función do número de poboación, cando é precisamente nos concellos con menos poboación onde este servizo é máis necesario. A Deputación de Lugo aposta, polo tanto, por poñer de novo en marcha este servizo naqueles territorios onde existía demanda e foi suprimido. Este servizo permite conciliar o dereito ao ocio nocturno coa seguridade do mesmo, téndose demostrado que a súa posta en marcha significou unha diminución clara dos accidentes automobilísticos durante a noite. O vicepresidente fixo fincapé en que a socialización da xente nova é algo que os poderes públicos deben de promover, e non debe permitirse que o lugar de residencia sexa un elemento de desigualdade entre as persoas.