“O HIDRO”, HAI 75 ANOS
Posiblemente non exista un só porto no noso litoral que non rexistrara, ó longo da historia, a dramática experiencia de ter que lamentar a perda de vidas humanas. As forzas desatadas da natureza, os imprevistos xurdidos nun camiño moitas veces ignorado, a falta de recursos para reaccionar ante o inesperado, etc.., fixo que historicamente o mar, tan engaiolante e tan cobizado, se volvese verdugo despiadado. Os accidentes laborais; galernas, temporais e naufraxios, e con eles a morte, tinguiron de mouro, e seguen a facelo, a vida dos pobos mariñeiros.
Tódolos mares do mundo coñecen das traxedias nas súas augas. Tristes acontecementos que algúns quedaron no anonimato e outros, pola súa magnitude ou as circunstancias que os arrodearon, permanecen gravados, con trazos indelebles, na historia sinistra da vida mariñeira.
O “Hidro” era unha embarcación que chegara a Foz en 1930, procedente de Laredo, onde Tristán “o vello” e don Manuel Blanco Muinelo, segredario do xulgado, o mercaran. Realmente a lancha chamábase “Nuestra Señora del Carmen”, pero as xentes deron en dicir que, pola velocidade sulcando as augas, mais ben parecía un hidroavión e de aí que todos a coñecesen por o “Hidro”,
Na tardiña do 8 de outubro de 1936, hai xusto 75 anos, ó lusco-fusco, cando a lancha intentaba pasar a fatídica barra–o noso particular “triángulo das Bermudas”- ata a Ribeira, con vinte bañeiras de sardiñas a bordo, envorcou preto da pena Rubia, quedando coa quilla para arriba. Dos oito tripulantes dous desapareceron: Tristán e José da Palmeira
Ó terceiro día do incidente apareceo Tristán nunha praia de San Cibrao e dez días despois José, avistado por un pescador de caña, nunha furada da costa, en Salave, preto de Tapia: curiosamente seguiran rumbos opostos. A profundidade dos cantís e a dificultade dos accesos fixeron que os veciños tivesen que realizar serios esforzos para levar a terra o cadáver de José que foi soterrado no minúsculo cemiterio de Salave.
Ás veces feitos tan luctuosos, dramáticos, dan pé a que se produzan episodios de fondo valor humano e solidario e que as persoas, ó impulso de tal sentimento, arrisquen sen miramentos e mesmo se salten as leis para lograr mitigar a dor allea; foi este un deses casos.
Tempo mais tarde a nai do mariñeiro quixo recuperar os restos do fillo. Intentouno cumprindo as esixencias legais, pero os trámites eran longos e moi custosos para aquelas economías de subsistencia e, por suxerencia do párroco focego, acordaron o seu traslado clandestino, para o que se contou coa complicidade da Garda Civil de Tapia e de Foz, non dándose por enterados da manobra, cando naqueles tempos bélicos ou de inmediata post-guerra, vixiaban acotío todo movemento na beiramar. Circunstancias especialmente conmovedoras, que deron lugar a comportamentos dunha xenerosidade, altruismo e valor humano excepcionais..
Precisábase ademais unha embarcación disposta a asumir o grave risco da viaxe ilegal con un cadáver a bordo, labor ó que se prestou Xesús Lestregás, “ o Relámpago”, coa súa lancha “María”.
O desembarco do cadaleito fíxose no muro da farola e trasladouse á casa do armador, en Marzán, onde os restos de José permaneceron tres días alumeados por unha “mariposa” ata que foron depositado definitivamente no cemiterio parroquial
A gratitude da nai do naufrago durou por toda a vida, non esquecendo endexamais a acción humanitaria, altruista e arriscada do Relámpago.
Foi o do Hidro un episodio de fondo dramatismo do mar de Foz, e da súa malfadada barra, na que tantos homes do noso mar perderon a vida, e razón primeira que impide todo desenvolvemento portuario. A súa lembranza quedou fixada na memoria colectiva.
A lancha, á que se recortou o casco, dedicouse a carrexar dende A Espiñeira xuncos para estrar as cortes, e rematou a singradura no pudridoiro do Centiño, en Folgueiras….
Suso Fernández
Cronista oficial de Foz















A conselleira do Medio Rural acompañada polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistirá este sábado á feira e festas das San Lucas.
A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.



