Aforrar, para quen?
Nestes tempos de necesidade que nos toca vivir estase a usar de xeito moi maniqueo a apelación ao aforro en contraposición co malgasto. Úsase para iso a analoxía da familia que non debe gastar o que non ten e bótase man dunha serie de símiles pretendidamente aleccionadores. Xa está ben de vivir por riba das nosas posibilidades! Hai que frear o consumo aloucado!
Ben esquecen quen isto din que, ata o de agora, todo estaba encamiñado para que fixeramos iso. Desde as entidades de crédito incentivábanse as sobrevaloracións dos pisos (máis comisións para elas nas taxacións) e despois dábanche todas as facilidades para conseguires hipotecas polo 100% do valor. O piso custábache 80, valorábancho en 120 e convidábante a pedir entre 100 e 120. O malo é que agora custa a penas 60 e aínda che queda por pagar 90 ou 110. Que agora nos veñan coa milonga de que non se pode gastar máis do que se tenà! Que os que crearon a burbulla inmobiliaria queiran ser agora os salvadoresà vaia cara!
Pero retomemos a analoxía da familia. Dis que non se pode gastar máis do que tes, que se hai que acostumar a estes tempos de carencia e aguantar, que outra non queda. Como se o conxunto das familias non se decatara de que non pode gastar o mesmo que hai un ano. É espabilado o barbas de moito coidado! E todo isto viralle ao maxín entre faria e faria? En todo caso: non gastar máis do que tes, deberíase facer sempre. Outra cousa é que, para cuestións de envergadura (mercar casa, por exemplo) teñas que te endebedar. Ben distinto é que te empeñes por adquirir unha segunda ou terceira vivenda en primeirísima liña de praia. Ou por ter o último berro en modelos de Porsche.
Que no canto dun mes de vacacións ou vinte días haxa que ir quince ou dez! Pois si. E comer de bocata e non ir de restaurante todos os días! Pois tamén. E teremos que aproveitar máis a roupa. E aprender aos nosos fillos e fillas a aproveitar a dos seus irmáns. E acostumarnos, uns e outros, a uns hábitos de consumo máis racionais. Pero non porque o diga un paspán, senón porque nolo vai impoñer a propia realidade.
Pero négome a ter que admitir que, como non hai diñeiro, haxa que poñer á nosa mocidade a traballar aos dezaseis anos (a ver onde, na Suíza, claro!) e renunciar a unha formación académica seria, a ter que deixar a nosa saúde ao chou. Ou que os que conseguiron estudar teñan que emigrar porque aquí non se potencia a investigación e a innovación, senón que se soña con tesoiras xigantes tamén na Universidade. Négome a admitir que moitas persoas maiores se vexan condenadas á máis absoluta soidade e abandono porque, disque, non se pode gastar o que non se ten (bo exemplo ten dado o señor Feijoo cortando, sen previo aviso e xa case rematado o ano, ata un 70% do diñeiro comprometido para a atención a domicilio).
E será certo que aforran tanto? Pois non: recórtase o público e agrándase o sector privado. Aquí o que está a pasar é que, como no século XIX e parte do XX, uns irmáns son condenados a se meter cregos ou monxas, ou a emigrar, para que o fillo mellorado (o sector privado) dispuxera de todo. Non é certo que a débeda pública sexa a causante da crise. En España hai cinco veces máis débeda privada que pública. O problema da débeda foi xerado pola banca e as institucións privadas. Pero quérese aproveitar a ocasión para facer apandar co choio ao sector público. É como se o fillo primoxénito, despois de ter levado á familia a unha situación insostíbel, lograra que todos os irmáns e irmás colleran a maleta e se puxeran a traballar para a casa, que como primoxénito que é, acabará sendo súa. Menos mal que nos queda o consolo de que, coas bombas da OTAN, grazas aos nosos impostos, quizá se recupere a poligamia en Libia.
Farruco GRAÑA

















O Concello destaca a oportunidade que supón para impulsar a hostalaría local e felicita ás persoas galardoadas pola súa contribución á gastronomía asturiana.
Este texto é o froito de varios anos de investigación e convida profesionais da educación, terapeutas e persoas curiosas a descubrir como o traballo coa arxila libera traumas e favorece unha transformación persoal profunda. Ao remate do acto servirase un viño e un pequeno petisco.
A continuación, as persoas que desexen continuar a conversa e compartir un tempo de convivencia poderán anotarse á comida que se celebrará na Casa da Penela.
Pasados dez minutos das 15 horas deste martes, un particular alertou ao 112 Galicia dun coche envorcado fóra da vía en San Martiño de Ferreiros, Pol. Aconteceu no quilómetro 3 da LU-750, e a única persoa implicada permanecía atrapada no interior. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros actuaron para liberar á persoa, que foi evacuada en ambulancia polos profesionais sanitarios desprazados ata o lugar.
Unha comedia orientada para público infantil escrita e dirixida por Bea Campos. Hora: 18h.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.
Ofreceranse as seguintes modalidades e horarios: adestramento de forza/funcional os luns e mércores ás 9.00 horas; pilates os luns e mércores ás 11.00 horas; e TRX os martes e xoves ás 9.00 horas. A inscrición e a información sobre estes cursos realizarase na recepción da Piscina Municipal. Ademais, durante este mes habilítase a opción de proba gratuíta.



