Nota de prensa
REGO ESIXE NO PARLAMENTO A REPOSICIÓN INMEDIATA DO CADRO DE PROFESORES DO CEIP DE COVAS EN VIVEIRO
-O deputado mariñao advirte que tanto os pais, nais e titores dos alumnos do CEIP de Cobas denunciaron publicamente as graves carencias deste centro educativo
-Sinala que o cambio de modelo educativo impulsado polo PP “atenta contra o estado de benestar”, e subliñou que apostar pola educación “é apostar polo futuro de Galicia”
Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2011. O deputado do Grupo Parlamentario Socialista Ismael Rego anunciou hoxe que vai rexistrar unha iniciativa parlamentaria para esixir ao Goberno de Feijoo a reposición inmediata do cadro de profesores do CEIP de Covas en Viveiro.
Rego advirte que tanto os pais, nais e titores dos alumnos do CEIP de Cobas denunciaron publicamente as graves carencias deste centro educativo. E denuncian tamén que os seus fillos non están recibindo a educación a que teñen dereito debido aos recortes da Xunta.
O parlamentario socialista afirma que dende a chegada de Feijoo ao Goberno da Xunta a Consellería de Educación perdeu perto de 500 millóns de euros. E asevera que o cambio de modelo educativo impulsado polo PP “atenta contra o estado de benestar”, e subliñou que apostar pola educación “é apostar polo futuro de Galicia”.
Folla de ruta do PP
E resumiu “a folla de ruta do PP no sistema educativo en Galicia pasa pola rebaixa das becas, diminución de docentes, concertar centros que segregan por sexo, cesión de terreos a colexios concertados ou de pago, libros de texto cun sistema menos eficiente e mais caro e a reducción de programas para o fracaso escolar”, entre outras medidas.