Nota de prensa
A FUNDACIÓN IMPULSO Ó DEPORTE, CULTURA E TURISMO NA MARIÑA CELEBRA A SÚA POSTA DE GALA EN BURELA
• O acto de presentación, aberto ao público, contará coa presenza do secretario xeral para o Deporte e o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, así como co presidente da LNFS, o seleccionador nacional de fútbol sala e o presidente da FGF, entre outros.
• Imdecum, recoñecida como Fundación de Interese Galego pola Xunta de Galicia, ten como obxectivos a promoción da actividade deportiva, cultural, educativa e turística da comarca; o fomento da igualdade e tolerancia; e a preservación do patrimonio histórico, cultural, natural e turístico da bisbarra.
Martes, 22 de novembro. A nova Fundación Imdecum, Impulso ó Deporte, Cultura e Turismo na Mariña, celebrará a súa posta de gala o vindeiro venres, 25 de novembro, en Burela, sustentada polo traballo en prol da comarca e apadriñada por numerosas personalidades. O acto, aberto ao público, terá lugar no auditorio municipal, ás 12.00 horas, e contará coa presenza do secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete; o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antonio Veiga; e o deputado provincial José Ramón Val Alonso; así como co presidente da Liga Nacional de Fútbol Sala, Javier Lozano; o seleccionador nacional Venancio López e o presidente da Federación Galega de Fútbol, José García Liñares, entre outros.
Imdecum nace grazas ao apoio das institucións públicas, Xunta de Galicia e Deputación de Lugo, co obxectivo de impulsar, promover e coordinar a actividade deportiva, cultural, educativa e turística da Mariña; fomentar os valores de igualdade, tolerancia, solidariedade, cooperación e integración principalmente na infancia, xuventude, terceira idade, mulleres e daquelas persoas e colectivos con maior risco de exclusión; ademais de difundir, desenvolver e preservar o patrimonio histórico, cultural, natural e turístico da bisbarra.
Recoñecida como Fundación de Interese Galego pola Xunta de Galicia, a iniciativa mariñá, presidida polo director do IES Monte Castelo, Marcelino Luna Almarza, xermolou no berce do CD Burela FS-Pescados Rubén, nunha xestión baseada nos modelos da súa escola de fútbol sala, que se fundamentan na cultura do esforzo, a atención á diversidade, a integración social e o principio de igualdade, sen esquecer a busca do talento, a posta en valor da creatividade e o traballo en equipo entre a xuventude da bisbarra.
Imdecum pretende aglutinar ademais á empresa privada e conta na súa posta en marcha inicial coa representación no seu padroado de Pescados Rubén SL, Living Sport, Eje Atlántico, Oxem Sport e o CD Burela FS. A iniciativa centra a actividade dende os seus primeiros pasos, en febreiro de 2010, na colaboración con empresas, entidades financeiras, Administracións Públicas, institucións, asociacións e organismos de toda índole para contribuír aos obxectivos de cada un deles.
Consonte aos seus fins, a Fundación Imdecum está traballando nun programa de actividades para 2012 que reunirá proxectos multidisciplinarios: a Gala Anual da Mariña, como recoñemento a persoas, iniciativas e institucións que traballan día a día pola Mariña; seminarios de formación e práctica deportiva de base e en igualdade con profesionais de renome de diferentes disciplinas; a Academia Imdecum, poñendo á disposición dos diferentes centros de ensino a persoeiros de diversos ámbitos para impartir clases maxistrais; así como a elaboración dun sitio web de referencia, como escaparate de utilidade de todos os concellos mariñáns, e o emprazamento de encontros noutros puntos de Galicia e rexións para potenciar a presenza da Mariña como referente turístico.