Nota de prensa
O avogado dos traballadores afectados polo ERE actúa condicionado polo seu pasado como dirixente político do BNG
O PP acusa a Rodríguez Feixóo de aproveitar a súa condición de letrado para facer política e confundir aos traballadores de Mobles Hermida
• Os populares lamentan o intento do avogado de politizar un asunto que conta co informe favorable de dúas administracións que no momento de emitirse eran de distinta cor política: a inspección laboral do Ministerio de Traballo (PSOE) e a Dirección Xeral de Relacións Laborais (PP)
• O PP asegura que fraco favor fai aos seus representados se emprega argumentos políticos partidistas e non xurídicos na defensa dos seus intereses.
• Os populares indican que comprenden a mala situación pola que están a pasar os traballadores e aseguran que están buscando posibles solucións, de calquera xeito insisten en cualificar como erradas e inconvenientes as declaracións efectuadas polo letrado.
A Mariña, 04 de xaneiro de 2011. O Partido Popular da Mariña emitiu no día de hoxe un comunicado no que acusou a Alberte Xullo Rodríguez Feixóo, avogado dos traballadores afectados polo ERE da empresa Mobles Hermida, de aproveitar a súa condición de representante legal para “facer política e confundir aos seus representados”.
CONDICIONADO POLO PASADO NACIONALISTA
Os populares sinalan como “un feito inaudito e contrario a todo criterio deontolóxico” que o letrado empregue as súas manifestacións públicas en diversos medios de comunicación para arremeter con enorme belixerancia política contra o PP e emitir xuízos de valor cargados de “connotacións partidistas, sesgadas e cheas de prexuízos ideolóxicos”. Desde o PP consideran que o letrado actúa condicionado polo seu pasado como dirixente do BNG e aseguran que “fraco favor fai aos seus representados cando emprega argumentos partidistas e non xurídicos na defensa dos intereses destes traballadores”.
DÚAS ADMINISTRACIÓNS DE DISTINTA COR POLÍTICA
Os populares lamentan o intento do avogado por politizar un asunto que debera cinguirse a aspectos exclusivamente técnicos. Nese senso lembra que respecto da idoneidade de aprobar o ERE de Mobles Hermida existe o pronunciamento de dúas administracións distintas que, no momento de emitir os seus respectivos informes, tiñan unha cor política diferente. Desde o PP recordan que tanto a Inspección Laboral do Ministerio de Traballo (PSOE) como a Dirección Xeral de Relacións Laborais (PP) informaron favorablemente a aprobación do ERE de Mobles Hermida co obxecto de intentar garantir a viabilidade da empresa e a continuidade da maioría dos seus postos de traballo.
A ÚLTIMA PALABRA: A XUSTIZA
O PP da Mariña insiste en que si tal e como o propio letrado adianta teñen previsto presentar un recurso nos tribunais en contra da estimación do ERE será a Xustiza quen teña a última palabra neste asunto e, polo tanto, resulta “pouco ético, adiantarse aos pronunciamentos xudiciais que se produzan”. Segundo o PP o avogado non pode converterse en xuíz e parte facendo “xuízos de valor políticos que non se corresponden coa realidade”
Finalmente os populares indican que comprenden a mala situación pola que están a pasar os traballadores e aseguran, que desde o PP, están buscando posibles solucións. Os populares consideran que o que probablemente esperan os traballadores representados por este letrado é que cando teñan que pagar a súa minuta este pago se xustifique co traballo profesional de Rodríguez Feixóo e non a través de declaracións nos medios sen fundamento xurídico algún pero si chegas de partidismo e prexuízos políticos.