Nota de prensa
A CIG explicará os contidos da Reforma Laboral en asembleas abertas a pé de rúa nas distintas localidades da comarca.
A CIG comezará a vindeira semana e explicar os contidos da Reforma Laboral á cidadanía da comarca por medio de asembleas abertas a pé de rúa . O obxectivo non é outro que trasladar á maior cantidade de xente posible os terribles efectos que esta pode xerar en número de perda de postos de traballo, de precarización dos postos existentes e polo tanto nunha merma do consumo e nunha reducción de potenciais consumidores e clientes. É pois unha Reforma que afecta a todos os sectores da poboación porque se ben os empresarios poden verse favorecidos polo abaratamento do despedimento, pola posibilidade de variar as condicións de traballo dos seus asalariados… á larga, se non teñen clientes, consumidores que merquen os seus productos ou servizos, de nada lles valeran estas facilidades para a boa saúde dos seus negocios e empresas.
O mesmo argumento é válido para comprobar que esta medida en nada vai favorecer aos desempregados por moito que se nos queira vender que ese é o motivo da mesma. O consumo no Estado español é de ata un 90% interno, é decir, que depende directamente de que as maiorías sociais poidan ter un nivel adquisitivo cando menos digno e un mínimo nível de confianza. Parece evidente que o paquete de medidas non vai incidir positivamente neste senso polo que o número de desempregados non vai senón aumentar e con menos, aínda se cabe, posibilidade de revertir a situación atopando un posto de traballo.
Esta é a Reforma Laboral máis dura dende a Transición e é,pois , vital concienciar á xente que é preciso que haxa unha enérxica contestación social. Non se pode permitir que dun plumazo se perdan dereitos polos que compañeiras e compañeiros no pasado teñen dado a súa vida. Así pois dende a CIG continuaremos con estas asembleas e distintas mobilizacións que rematarán o 29 coa Folga Xeral.
CALENDARIO DE ASEMBLEAS ABERTAS PARA A VINDEIRA SEMANA:
-Luns 12 en Foz ás 18.30 na rúa Xoán Montes (peatonal que vai dende Avda. Da Mariña ata a rúa do Concello)
– Martes 13 en Viveiro ás 18.30 na Praza da Fontenova
– Mércores 14 en Ribadeo ás 18.30 na rúa Rodríguez Murias ( na zona peatonal popularmente coñecida como “as catro calles”)
A semana seguinte continuaremos con este formato de asembleas en localidades como Mondoñedo ou Burela. Xa informaremos polo miúdo cando teñamos confirmado o calendario.