Nota de prensa
O CONCELLO DE BURELA TEN ABANDONADO O DEPORTE
Dende o BNG queremos denunciar publicamente a situación de abandono total ao que o equipo de goberno do PP de Burela ten condenado o deporte no noso pobo. E estámonos a referir ás escolas deportivas de baloncesto e fútbol nas que centos de rapaces e rapazas están inscritos esta tempada.
Viamos hai uns días na prensa que o Club Baloncesto Burela tivo que dar de baixa uns equipos ante a falta de recursos económicos para continuar na competición porque o Concello de Burela aínda (case un ano despois) non lle pagou as cantidades correspondentes á tempada pasada.
Hai que lembrar tamén que, polo que se refire ao club de fútbol, a S.D. Burela, xa a finais do ano pasado se viu obrigado a pedir ás familias dos seus nenos xogadores unha importante contribución económica e máis esforzo persoal aínda para poder seguir practicando o fútbol e competindo por toda Galiza levando o nome de Burela nas súas camisetas.
E, ante as mentiras nalgúns casos e o silencio total noutros por parte do Alcalde e do seu equipo, hai que recordar que o anterior goberno municipal, e en concreto a Delegación de Deportes que eu levaba, asinara durante os anos que gobernamos uns convenios cos clubs de fútbol, fútbol sala e baloncesto para o desenvolvemento das escolas deportivas municipais nestes tres deportes. E, en concreto, para a tempada pasada 2010-11, había unha partida específica de 50.000 € para estes convenios. Uns cartos aprobados para este concepto e que, despois de que os clubs xustificaran esta subvención xa no mes de maio do ano pasado, aínda non recibiron.
Pero aínda hai máis: o sr. Barcia en persoa durante a campaña electoral das pasadas eleccións municipais e xa despois como Alcalde comprometeuse con estes clubs para continuar con estas axudas. Sen embargo, como vemos, isto non é así. O Alcalde, que sempre se chufa de dialogar e de reunirse continuamente cos colectivos e asociacións, nada lles dixo a estes clubs de que para este ano 2012 non ía haber nin un euro para estes deportes. Tivéronse que enterar pola prensa cando nós o denunciamos publicamente na aprobación dos orzamentos para este ano 2012 no pleno do pasado mes de decembro.
Pero non só non vai haber cartos para estas escolas deportivas no 2012 senón que tamén o Alcalde lles mentiu aos clubs cando lles dixo que lles ía aboar os convenios da tempada pasada antes de que finalizase o ano 2011. E estamos a marzo de 2012 e aínda non cobraron. E un dos clubs, o Club Baloncesto Burela, se ve obrigado a deixar ás rapazas dos equipos que tivo que dar de baixa sen a posibilidade de practicar e competir no deporte que levan anos practicando porque o Concello de Burela non lles paga o que lles debe dende hai case un ano. E nin a Concelleira de Deporte nin o Alcalde din nada nin se interesan polo tema.
E que a xente non se deixe enganar pola cantinela que tan ben se aprendeu o Alcalde de que non hai cartos, porque cartos para “outras cousas” si hai: para pagar a certas empresas (que, por certo, nin sequera son de Burela) que facturaron moito despois de xuño do ano pasado, tamén hai cartos para montar unhas máquinas para que fichen os funcionarios (un gasto que nós consideramos totalmente innecesario nestes momentos) e tamén hai cartos para que o Alcalde se pasee un par de días por Fitur e presente unhas dietas de case 500 €…
Pero isto de “non pagar” non é novo cando falamos do PP de Burela. Porque, cando estes días se fala tanto das facturas do ano pasado sen pagar que teñen os Concellos (nuns momentos de grave baixada dos ingresos por parte das administracións locais), eu quero dar un dato moi significativo: a finais do ano 2006 (un ano aínda sen problemas de financiamento para os Concellos), o PP de Burela que gobernaba naquel momento co sr. Barcia como Alcalde tiña sen pagar a 31 de decembro algo máis de 2 millóns de euros. Aí queda ese dato para a reflexión e as comparacións.



















Estes recitais, protagonizados por músicos da contorna, nunca defraudan. Sen grandes nomes internacionais, pero cunha sensibilidade musical exquisita, ofrecen sempre unha experiencia artística de gran calidade. Por iso, quen asista gozará dunha nova xornada dentro do Programa Adral, que a Xunta de Cofradías promove con tanto entusiasmo.
O Concello destaca a oportunidade que supón para impulsar a hostalaría local e felicita ás persoas galardoadas pola súa contribución á gastronomía asturiana.
Este texto é o froito de varios anos de investigación e convida profesionais da educación, terapeutas e persoas curiosas a descubrir como o traballo coa arxila libera traumas e favorece unha transformación persoal profunda. Ao remate do acto servirase un viño e un pequeno petisco.
A continuación, as persoas que desexen continuar a conversa e compartir un tempo de convivencia poderán anotarse á comida que se celebrará na Casa da Penela.
Pasados dez minutos das 15 horas deste martes, un particular alertou ao 112 Galicia dun coche envorcado fóra da vía en San Martiño de Ferreiros, Pol. Aconteceu no quilómetro 3 da LU-750, e a única persoa implicada permanecía atrapada no interior. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros actuaron para liberar á persoa, que foi evacuada en ambulancia polos profesionais sanitarios desprazados ata o lugar.
Unha comedia orientada para público infantil escrita e dirixida por Bea Campos. Hora: 18h.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.



