REPRESENTACIÓN DA MARIÑA DE LUGO NO SALÓN INTERNACIONAL DA ALIMENTACIÓN
PIZZBUR PARTICIPA NA FEIRA INTERNACIONAL ALIMENTARIA PRESENTANDO OS SEUS PRODUTOS ‘MADE IN GALICIA’ E O SEU NEGOCIO EN FRANQUÍA
A empresa PIZZBUR, con locais en Viveiro e Ribadeo (Lugo), terá unha presenza destacada no Salón Internacional da Alimentación e Bebidas, Alimentaria 2012, que se celebra en Barcelona do 26 ao 29 deste mes.
Durante a próxima semana o recinto Gran Vía da Fira de Barcelona acolle unha nova edición de Alimentaria, Salón Internacional da Alimentación e Bebidas, na que participarán preto de 4.000 empresas e 140.000 visitantes profesionais de todo o mundo, ocupando máis de 94.000 metros cadrados e con oferta comercial e de actividades destinadas ao negocio, a promoción, a gastronomía e a I+D+i agroalimentaria.
A empresa mariñana PIZZBUR estará presente co seu propio posto na feira, promovendo a posta en marcha do seu negocio en franquía e sobre todo dando a coñecer os seus propios produtos, como as Galipizzas, as hamburguesas Galizbur e o seu modelo de negocio.
Produtos ‘made in Galicia’
A característica máis significativa da cociña de Pizzbur é a orixinalidade dos seus produtos ‘made in Galicia’. As súas ideas apóianse na calidade da materia prima de Galicia para fusionala con novos produtos e presentar sabores orixinais que demostran que os produtos rexionais galegos son ricos en calquera das variedades en que se presenten.
Por exemplo, a Galipizza® é unha pizza creada sobre unha base de masa artesanal e que emprega queixo galego de San Simón en lugar de mozarella. Na súa elaboración combinamos ingredientes tipicamente galegos, como os grelos, o raxo, o touciño, o lacón, os ovos, zorza, gambas, patacas, chacina, vieira, pementos, cabaciña, tomate ou diferentes queixos galegos de Arzúa-Ulloa, do Cebreiro, de tetiña… Por iso chámanlle “a pizza tradicional de Galicia”, aínda que aos galegos nunca se nos identificase polas nosas pizzas…
Apoiándose no actual boom das hamburguesas gourmet Pizzbur presenta as GaliZbur Platino®, que son hamburguesas de categoría especial elaboradas con ingredientes exclusivos, como a carne de boi e Ternera Galega, chourizo, grelos, queixo de San Simón ou crema de queixo de cabra… todo iso nun pan especial de elaboración propia, que lle achega o seu sabor particular, pero non lle rouba protagonismo ao sabor da hamburguesa.
Show Cooking da Galipizza
O mércores 28 ás 13h30 o stand 4F250 de Grupo Pizzbur Playa centrará a atención cun show cooking da Galipizza. Trátase dunha demostración de cociña en directo diante do público, para dar a coñecer os seus ingredientes autóctonos e o xeito tradicional en que se elabora.
Franquía Pizzbur
Coa creación da Franquía Pizzbur a empresa quere facer chegar o seu “bocado de gastronomía galega” a todos aqueles emprendedores que buscan un investimento atractivo e están dispostos a lanzarse ao mundo da restauración, tanto en Galicia coma en calquera outro punto de España. Con esta presenza na feira Alimentaria preténdese dar un gran salto no crecemento da franquía.
Campaña “Llévate un bocado de Galicia”
Para dar a coñecer a súa presenza en Alimentaria, Pizzbur lanzará unha campaña de promoción na propia feira baixo o lema “Llévate un bocado de Galicia”, aproveitando que no seu posto se ofrecerán degustacións gratuítas de diferentes variedades de Galipizza e de bolos preñaos, mantendo o costume de tapeo que ofrece nas súas cervexarías de Viveiro e Ribadeo, na costa de Lugo.
A idea e a creatividade desta campaña foi desenvolvida pola axencia de publicidade Logaidea Comunicación, de Burela. Con esta campaña quérese regalar aos visitantes da feira un recordo de Galicia en forma de tarxetas postais, animalos a que se acheguen ao posto de Pizzbur, a que proben unha mostra dos seus produtos e tentar os emprendedores a que se leven un bocado de Galicia en forma de franquía a outros lugares de España.