A novela salienta pola súa capacidade de facer convivir tradición e modernidade nunha ollada renovada do rural galego
A Mariña, 11 de setembro, 2025. “Escrita cunha prosa poderosa, de diálogos incisivos, As donas da noite é unha proposta que agradará a aquel lectorado que desexe contemplar o noso rural cunha outra ollada”, así describiu o xurado do X Concurso Balbino de Relatos a obra As donas da noite, da autoría de Lionel Rexes, natural do concello de Alfoz (Lugo), texto co que resultou gañador desta décima edición.
O veredicto, que premiou a novela por unanimidade, emitiuno un xurado composto por reputados profesionais do sector, entre os que se atopaban Carlos Loureiro (profesor e escritor), Fernando González Graña (escritor e dramaturgo), Rosalía Morlán (escritora e poeta) e Armando Requeixo (profesor e crítico literario).
O xurado quixo destacar tamén nesta obra “a súa inmersión nun rural galego poliédrico no que convive o herdo espiritual de séculos coas novas realidades sociais, laborais e relacionais”.
Así mesmo, puxo en valor “a súa a visión dunha aldea complexa, multifacetada e arredada do bucolismo idílico doutrora, que nestas páxinas é substituído por poderosas personaxes que nos enfrontan coas problemáticas de supervivencia do noso agro, os movementos asociativos de base e a convivencia entre tradición e modernidade”.
Os membros do xurado tamén quixeron destacar a calidade da vintena longa de orixinais presentados entre os que se incluían tanto novelas como relatos dirixidos igual a público xuvenil como adulto.
Publicación
O texto gañador deste certame literario recibirá 1.500 euros en concepto de premio e será publicado por Edicións Fervenza.
Durante os próximos meses traballarase na edición do texto, que se presentará nun acto no que tamén se fará entrega do premio á persoa gañadora durante os meses de novembro-decembro.
Concurso
Baixo o nome de “Balbino”, protagonista da obra máis internacional da literatura galega Memorias dun neno labrego, do célebre escritor Xosé Neira Vilas, este concurso xurdiu no ano 2016 co fin de promocionar a literatura, a lingua e aos/ás escritores/as de Galicia.
De periodicidade anual, os requisitos que deben cumprir os orixinais presentados son: ter unha extensión de entre 100.000 e 200.000 caracteres, presentar como temática o rural, o mar ou a emigración e estaren escritos en lingua galega.
As bases completas pódense consultar en www.concursobalbino.com
Colaboracións
O Concurso “Balbino” de Relatos conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, a Deputación de Ourense, a Fundación Xosé Neira Vilas e os concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces.
Biografía de Lionel Rexes
Lionel Rexes Martínez naceu en París en 1971, cidade á que emigraran seus pais, naturais do Valadouro, terra á que retornaron e na que vive dende hai moitos anos.
Licenciado en Maxisterio pola Universidade Autónoma de Madrid, coordinador da bitácora Vasoiras da Xibarda e colaborador de diversos medios galegos, Rexes ten xa unha importante traxectoria como narrador, tanto polos títulos publicados coma polos premios recibidos.
A súa primeira novela foi A raíña das velutinas (2017), volume publicado por Edicións Xerais co que obtivo o Premio Manuel Lueiro Rey de Novela curta, un certame no que volvería ser distinguido en 2021 con A montaña do poeta.
Son tamén da súa autoría o caderno de ensaios paremiolóxicos Ditos e refrás do Valadouro (2013, Seminario de Estudos do Valadouro) e mais a narración Nove lúas (2024), coa que se alzou co Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta.
Nestes momentos prepara a edición de O terceiro desexo, obra coa que foi finalista do Premio de Novela Vilar Ponte o ano pasado.






















Castro destacou o labor da Asociación e o potencial da tradición do ferro como motor económico, social e cultural para Riotorto, subliñando a importancia de impulsar iniciativas que garantan futuro para estes oficios. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa entidade, cunha achega de 14.000 euros. No marco deste apoio, a Asociación avanzou na documentación dos oficios do ferro, catalogando ferramentas, técnicas e a historia das antigas “ferrerías de monte”.
O responsable provincial destacou "o traballo realizado pola organización ao longo destes anos para consolidar unha proba deportiva de primeiro nivel, que atrae tanto deportistas do máximo nivel competitivo como participación popular"
O grupo teatral O Centiño de San Martiño (Foz) actuou este sábado en Marzán, convidado pola asociación veciñal Torques de Marzán. O local quedou pequeno ante a resposta do público: 73 persoas, un récord de asistencia para unha obra de teatro na parroquia. A comedia provocou constantes risas e un ambiente moi participativo. A iniciativa volve demostrar o valor de levar actividade cultural e teatro afeccionado ás parroquias e barrios, achegando propostas escénicas a lugares afastados dos grandes circuítos. O Centiño continuará a xira de “O Autobús” nas vindeiras semanas: Sábado 25 de abril: Vilaronte (Foz). Sábado 2 de maio: Casa da Cultura de Trabada
A xornada contou con degustación gratuíta de viños elaborados por adegas da contorna, unha cata comentada e un mercado de produtos gastronómicos locais, permitindo aos asistentes coñecer de primeira man a riqueza do produto de proximidade. O pregón desta edición correu a cargo de Alejandro Gándara, quen presentou o seu proxecto audiovisual 360 curvas, unha obra que reflexiona sobre a distancia entre A Fonsagrada e Lugo e sobre o conflito social e político asociado á perda da súa condición de cabeceira de comarca, no marco da loita contra a despoboación.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
A cita contará con charlas, obradoiros, concurso de fotografía e unha ampla zona expositiva. A feira será de acceso gratuíto e está pensada para gozar en familia.



