Cervo, 10 de setembro, 2026. O Concello de Cervo contará, a partir deste curso, cunha Escola de Música propia. Trátase de DoReFaMiFaneca Escola de Música, un proxecto impulsado pola recentemente creada asociación DoReFaMiFaneca, que nace coa vontade de achegar a formación musical á veciñanza e ofrecer un espazo no que aprender, crear e gozar da música.
A escola instalarase no edificio municipal que anteriormente ocupaba o FOREM, situado fronte á Casa do Concello. O inmoble foi cedido polo Concello de Cervo para facilitar a posta en marcha deste novo recurso educativo e cultural.
Na presentación da iniciativa participaron a alcaldesa, Dolores García Caramés, e Chus e Xacobe, impulsores da asociación e da escola. Chus é profesora de canto e Xacobe está especializado en instrumentos de corda. Ambos decidiron unir experiencia, coñecementos e ilusión para dar vida a este proxecto, que conta co apoio do Concello.
A creación de DoReFaMiFaneca supón cubrir unha carencia histórica no municipio, que ata o de agora non dispoñía dunha escola de música propia. Grazas a esta iniciativa, a veciñanza poderá acceder a formación musical sen necesidade de desprazarse a outros concellos.
Unha escola para todas as idades
A Escola de Música DoReFaMiFaneca está dirixida tanto a nenos e nenas como a persoas adultas. Ofrecerá clases personalizadas, adaptadas ás diferentes idades e niveis, desde persoas principiantes ata alumnado avanzado. A metodoloxía aposta por unha aprendizaxe acompañada por profesorado experto e, sobre todo, por aprender gozando da música.
Entre os seus obxectivos está espertar o artista que cada persoa leva dentro e crear un espazo onde a música sexa sinónimo de ilusión, creatividade e diversión.
Declaracións da alcaldesa
A alcaldesa de Cervo puxo en valor a creación desta nova escola e destacou o interese que supón para o municipio: “Estamos moi satisfeitos de que Cervo conte por fin cunha escola de música propia. Era unha necesidade que existía e consideramos que esta iniciativa é unha magnífica oportunidade para achegar a formación musical á nosa veciñanza, especialmente aos máis pequenos, pero tamén ás persoas adultas que queiran iniciarse ou continuar a súa formación”.
Tamén felicitou a Chus e Xacobe pola iniciativa: “Queremos agradecer a Chus e Xacobe a súa iniciativa e a ilusión coa que están a poñer en marcha DoReMiFaneca. Son eles os que deron o paso de constituír esta asociación e impulsar a escola, e desde o Concello entendemos que debemos apoiar proxectos que nacen da propia veciñanza e que contribúen a enriquecer a oferta cultural e educativa do municipio”.
A rexedora destacou ademais a importancia de dar novos usos aos espazos municipais: “É moi positivo poder poñer este edificio municipal ao servizo dun proxecto educativo e cultural. Queremos que os espazos dos que dispón o Concello teñan vida e sexan útiles para a cidadanía, e esta escola é un moi bo exemplo de colaboración entre a iniciativa dunha asociación e a Administración local”.
Un novo recurso cultural para Cervo
A chegada da escola abre unha nova vía para a formación e a dinamización cultural no municipio: “A música ten unha enorme capacidade para educar, para fomentar a creatividade e tamén para crear comunidade. Que os nenos e nenas de Cervo poidan aprender música no seu propio concello, pero que tamén poidan facelo persoas de calquera idade, é unha moi boa nova”.
A alcaldesa anima á veciñanza a coñecer o proxecto: “Animamos a todas as persoas interesadas a achegarse, coñecer o proxecto e resolver as súas dúbidas. Estamos convencidos de que DoReFaMiFaneca pode ter un percorrido moi bonito en Cervo e esperamos que sexa o comezo dunha escola que medre coa participación da nosa veciñanza”.
📍 Información presencial
As persoas interesadas poderán solicitar información nos seguintes puntos:
Casa da Cultura de San Cibrao
Luns 14 e 21 de setembro
De 17:00 a 19:00 h
Casa do Concello de Cervo
Martes 15 e 22 de setembro
De 17:00 a 19:00 h
📞 Contacto
Chus: 608 841 347
Xacobe: 646 711 761
Instagram: @dorefamifaneca
Correo: dorefamifaneca@gmail.com
A asociación agradece o interese da veciñanza e anima a todas as persoas a contactar para coñecer en detalle a oferta formativa e o funcionamento da nova Escola de Música DoReFaMiFaneca.





















Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.



