A Deputación amosará ós escolares da provincia a riqueza de Terras do Miño cun programa de rutas didácticas pola Reserva
– Os pais interesados en inscribir ós seus fillos no ciclo Exploradores de Terras do Miño, dirixido a rapaces de 7 a 10 anos e totalmente gratuíto, deben enviar ó organismo provincial unha autorización que lles será facilitada polas ANPAS
– As xornadas desenvolveranse os catro sábados de maio e nelas os nenos coñecerán con amenos xogos e actividades, tipo gincana, o nacemento do Miño en Meira, a lagoa de Cospeito, Finca Galea de Alfoz e o Centro de Interpretación Terras do Miño en Lugo
Os nenos educados no respecto ó medio ambiente serán adultos que valorarán e coidarán o medio ambiente. Baixo esta máxima, a Deputación de Lugo organiza as xornadas Exploradores das rutas Terras do Miño, un ciclo de excursións e actividades didácticas dirixidas a todos os escolares da provincia de entre 7 e 10 anos de idade que se desenvolverán os catro sábados do mes de maio “co obxectivo de amosar ós máis pequenos de xeito ameno e divertido a riqueza paisaxística, ecolóxica e cultural deste espazo natural”, segundo explicou a Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo. Con esta iniciativa, o organismo continúa coa súa axenda de actos conmemorativos do 10º aniversario da declaración da Reserva Terras do Miño pola UNESCO.
Os pais e nais interesados en inscribir ós seus fillos nesta actividade, totalmente gratuíta, deben enviar á Deputación unha autorización, ben por correo ordinario á dirección C/San Marcos, nº8 27001 Lugo, ou ben por correo electrónico a terrasdomino@deputacionlugo.org A institución luguesa fixo chegar por e-mail ás Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (ANPAs) de tódolos colexios públicos da provincia unha carta con toda a información sobre este programa de excursións, así como a mencionada autorización, co fin de que a distribúan entre os pais, de xeito que aqueles que estean interesados a cubran e a envíen, xa a título individual, á Deputación. As prazas son limitadas -70 por xornada- e iranse cubrindo por orde de inscrición, de maneira que os interesados deberán enviar canto antes os permisos. A data límite é o día antes de cada excursión.
Nas viaxes, dun día de duración, os cativos coñecerán o nacemento do Miño en Meira, a lagoa de Cospeito, Finca Galea de Alfoz e o Centro de Interpretación Terras do Miño en Lugo, tanto as características da fauna e a flora destes espazos, e a importancia da auga neles (fontes, cascadas…); como os recursos etnográficos (muíños, batáns…) e incluso lendas típicas de cada zona. Tamén se lles darán nocións de como coidar o medio ambiente e conservar o ecosistema. Para elo, realizarán diversos xogos e actividades, tipo gincana, como encontrar coa axuda dunha brúxula, a través de diversas pistas e da man dos monitores, obxectos escondidos, como cámaras de fotos ou prismáticos, cos que tomarán imaxes e coñecerán os recursos da Reserva. Cada un dos pequenos exploradores elaborará un caderno coas actividades e as fotos que faga nas rutas. As imaxes tamén se colgarán na páxina web da Deputación, www.deputacionlugo.org
As datas das excursións serán as seguintes:
– 5 de maio: A xornada está dirixida ós nenos da Zona Sur.
– 12 de maio: para os rapaces da comarca da Montaña.
– 19 de maio: para os da Terra Chá e Lugo.
– 26 de maio: para os nenos da Mariña.
Os pais poderán participar
Os nenos participantes, que estarán acompañados en todo momento por monitores, serán recollidos por un autobús entre as 8:30 e as 8:45 horas, a media mañá tomarán un refrixerio e posteriormente comerán nun restaurante da zona que visiten. Ás 17:00 horas entregaráselles unha diploma e merendarán no Centro de Interpretación Terras do Miño de Lugo, en tódalas viaxes, excepto na do 26 de maio, cando este acto terá lugar na Casa da Xuventude de Mondoñedo. Os pais están convidados a compartir cos seus nenos a merenda e a entrega de diplomas, e, se o prefiren, pódenos levar eles mesmos desde este lugar de volta á casa. O autobús levará ó resto dos rapaces ós puntos de partida, xa de regreso, onde estarán sobre as 19:30 horas.
Convenio co Ministerio de Medio Ambiente
A Deputación organiza este proxecto para os escolares da provincia no marco do convenio que ten asinado co Ministerio de Medio Ambiente para potenciar o desenvolvemento das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, das que é máxima responsable a institución provincial. Grazas ó acordo de colaboración, dotado cun total de 1 millón de euros, o organismo lugués desenvolve un plan de actuación a través do que xa levou a cabo diversas actividades, como unha exposición sobre as corenta Reservas da Biosfera españolas na Capela de Santa María; xornadas para técnicos municipais sobre o Complexo Húmido Terra Chá; obradoiros dirixidos a escolares sobre o ecosistema fluvial; xornadas na Universidade Politécnica de Madrid sobre a xestión das Reservas que leva a cabo a Deputación; a mostra fotográfica As Paisaxes da Auga, que estivo aberta no Pazo de San Marcos; e o I Concurso de Fotografía sobre a Reserva Terras do Miño.





















Pasadas as 13:30 horas deste luns, o 112 Galicia tivo constancia, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dun ciclista que se atopaba en parada cardiorrespiratoria no quilómetro 1 da LU-151, á altura da parroquia de Fazouro. De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Foz. Malia os esforzos, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa.
A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.



