BENESTAR OFERTA PRETO DE 700 PRAZAS PARA ESTADÍAS DE FIN DE SEMANA MULTIAVENTURA EN LUGO DIRIXIDAS A MOZOS E MOZAS GALEGOS
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, presentaron hoxe a campaña nesta provincia
A iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado prolongarase desde o mes de abril ata xuño en catro instalacións distintas repartidas na provincia
Os participantes poderán realizar actividades de escalada ou sendeirismo, de multiaventura, barranquismo ou visitas culturais, entre outras
En toda Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar ofertará 3.782 prazas neste programa
Lugo, 4 de abril de 2012.- A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, oferta un total de 688 prazas en estadías de fins de semana multiaventura na provincia de Lugo aos mozos e mozas galegos de entre 18 e 35 anos, no marco do programa ‘Roteiros’. A iniciativa prolongarase desde abril ata xuño en catro instalacións distintas repartidas na provincia galega.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, presentaron hoxe a campaña na provincia. En toda Galicia a Consellería ofertará 3.782 prazas neste programa.
Na súa intervención, o director xeral indicou que as estadías inclúen aloxamento completo (desde o venres á tarde ata o domingo ao mediodía); a manutención neste período de tempo; o desprazamento cara as distintas actividades; e as propias actividades e os materiais necesarios.
Os participantes poderán realizar actividades náuticas como kaiak o bodyboard; de multiaventura, como escalada ou rutas en bicicleta; ou culturais, con visitas a museos; entre outras.
Os interesados en participar nesta iniciativa poderán facer a reserva da súa praza a través da chamada telefónica nos teléfonos 981 54 59 37/54 57 02/54 16 89/54 58 22 en horario de 09,00 a 14,00 horas de luns a venres.
Na provincia de Lugo abriuse a inscrición no Complexo xuvenil LUG2 en Lugo, no campamento xuvenil da Devesa (Ribadeo), no Albergue xuvenil Benigno Quiroga en Portomarín, e no Concello de Quiroga.
O ‘Roteiro en pedra viva’, no Complexo xuvenil LUG2, no Concello de Lugo, daralle aos 25 participantes de cada fin de semana (un total de 200 divididos en oito convocatorias) a posibilidade de realizar actividades de escalada en rocha, rappel, xeocaching, cicloruta pola ‘Roma galega’, sendeirismo e role playing game, así como actividades nocturnas diversas.
O ‘Roteiro en mar vivo’ que se desenvolverá na mariña lucense, no campamento xuvenil da Devesa (Ribadeo), dará a oportunidade aos 25 participantes por fin de semana (200 divididos en oito convocatorias) de realizar un raid de multiaventura terrestre polos arcos das Catedrais; actividades de multiaventura como bodiboard, kaiak, kaiak surf, escalada en rocódromo, tiro con arco, así como un raid multiaventura acuático e snorkel.
No ‘Roteiro en río vivo’, no Albergue xuvenil Benigno Quiroga en Portomarín, durante oito fins de semana, os grupos de 25 persoas por fin de semana (200 divididas en oito convocatorias) poderán levar a cabo barranquismo no Lor, sendeirismo acuático, ciclorruta polo río Miño, xeocaching, así como unha visita ao lugar de nacemento da Orde dis cabaleiros de Santiago e un raid multiaventura polo leito do río Miño.
Por último, no Concello de Quiroga, 22 persoas cada fin de semana (88 divididas en catro convocatorias) levarán a cabo actividades de espeleoloxía e sendeirismo; e visitas culturais ao museo etnográfico e xeolóxico.
Campaña de Verán
Doutra banda, Ovidio Rodeiro lembrou que, ademais do programa ‘Roteiros’, durante os meses de xullo e agosto terán lugar as actividades para maiores de 18 anos enmarcadas dentro da Campaña de Verán. En total, ofértanse para este colectivo 511 prazas de multiaventura na natureza en sete localizacións diferentes en toda Galicia, nun contexto similar ao de Roteiros.
No caso da provincia de Lugo, haberá un total de 118 prazas en dúas propostas: a actividade ‘H20+18’, que se levará a cabo no Complexo Xuvenil LUG-II nas fins de semana de xullo, e que contará con actividades de kaiak de río, escalada en rocha do Monte Segade, rotas de BTT ou xeocaching nocturno; e o programa ‘Surfeando no Cantábrico’, que terá lugar no Campamento Xuvenil A Devesa de Ribadeo nas fins de semana de agosto e que contará con actividades de surf, sendeirismo, escalada en rochódromo ou rotas de BTT.
Ademais, o director xeral indicou que está aberto o prazo para anotarse nos cursos de condución segura que, dentro da campaña ‘LIBRE’ para a prevención de accidentes de tráfico entre a mocidade, terán lugar nos circuítos de A Madalena, en Forcarei (Pontevedra) e A Pastoriza, en Lugo.
Os cursos terán unha duración de cinco horas (unha teórica e catro de condución en circuíto) que abordarán aspectos como os factores de risco na condución; a seguridade activa e pasiva nos automóbiles; ou as técnicas de condución, como a posición ao volante, os trazados e as traxectorias nas curvas, o uso do freo e do acelerador, a subviraxe a a sobreviraxe, entre outras.
No caso do circuíto da Pastoriza, os cursos terán lugar nas fins de semana do 5 e 6 de maio e 12 e 13 do mesmo mes. En total, está previsto que participen nesta actividade un total de 128 mozos e mozas.






















Baixo o título Memoria de mariñáns. Unha crónica da emigración da Mariña, o xornalista e investigador Martín Fernández Vizoso ofrecerá unha intervención centrada nas historias e vivencias dos emigrantes da comarca, ilustrando o fenómeno migratorio que marcou a vida de moitas familias ao longo do século XX. O evento inclúe tamén unha imaxe histórica de mariñáns retornados de América nos anos 30, que serve de fío visual para contextualizar esta realidade.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



