LUGO ACOLLERÁ A PRIMEIRA REGATA DA II COPA DEPUTACIÓN DE PIRAGÜISMO
Esta segunda Copa Deputación contará, como a anterior, con seis regatas puntuables, organizadas cada unha delas no lugar dos seis clubs de piragüismo lucenses (Foz, Viveiro, Ribadeo, San Cibrao e Lugo [2] )
Estarán presentes todas as categorías, desde benxamíns a veteranos, e as probas disputaranse entre o 29 de abril (Lugo-pendente de que o caudal do Miño non aumente) e o 9 setembro (Foz)
Veiga destacou que “mantense a cantidade económica destinada á organización desta competición con respecto á primeira edición xa que se logrou que se incrementasen o número de fichas federativas co que máis xente practica piragüismo en Lugo”
LUGO, 20 de abril de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, presentou esta tarde nas instalacións da Escola de Piragüismo, xunto ao delegado da Federación Galega de Piragüismo, Martín Carballo, e representantes dos clubs participantes, a II Copa Deputación de Lugo de Piragüismo, que se disputará este ano entre abril e setembro. Segundo indicou Veiga, “mantivemos o orzamento destinado á organización desta proba, igual que na súa primeira edición, constará de seis regatas xa que cada proba é organizada en colaboración con cada club participante no seu lugar de orixe”.
Neste sentido, Veiga destacou que se mantén a cantidade económica destinada á organización desta competición con respecto á primeira edición, 12.000 euros, xa que grazas a poñer en marcha esta copa logramos que se incrementasen un 30% o número de fichas federativas con respecto ao ano pasado (Lugo foi a única provincia galega na que aumentou), o que significa que máis xente practica piragüismo en Lugo, porque este diñeiro redunda nos propios clubs e supón unha inxección económica importante en concepto de premios, ademais da propia motivación que supón pelexar por unha mellor clasificación e número de padexeiros inscritos, que tamén puntúa positivamente de cara a mellorar a clasificación na competición.”
Veiga lembrou que “dos maiores éxitos deportivos que colleitaron os lucenses, moitos deles como medallas olímpicas proveñen do piragüismo”, e desde a chegada ao goberno da Deputación, un dos obxectivos que se estabeleceron desde a súa Área de Deportes foi “a revitalización dun deporte histórico en Lugo, como o piragüismo, comezando por volver a poñer en marcha a escola de Piragüismo na que hoxe nos atopamos e que se atopaba en estado de abandono”. Deste xeito, o vicepresidente continuou explicando que “despois os esforzos centráronse en apoiar aos clubs lucenses de piragüismo, auténtico motor do deporte, a través da mediación da Federación Galega de Piragüismo, para organizar esta competición da que hoxe poñemos en marcha a súa segunda edición, a Copa Deputación de Lugo de Piragüismo”.
Tal e como o ano pasado, os clubs participantes poden inscribir a padexeiros de todas as categorías desde benxamín a veteranos en Kaiak, e desde infantil a veterano en Canoa. As regatas puntuables desta II Copa Deputación de Piragüismo son as seguintes:
29-04- Regata de Lugo (organizada polo Club Cidade de Lugo)[*]
23-06- Regata de Lugo (organizada polo Club Fluvial de Lugo)
25-07- Regata de San Cibrao (organizada polo club local)
08-08- Regata de Viveiro (organizada polo club local)
02-09- Regata de Ribadeo (organizada polo club Altruán)
09-09- Regata de Foz, (organizada polo Kaiak de Foz)
As distancias que os participantes, tanto na súa categoría masculina como feminina, percorrerán na competición son:
-Para benxamíns e alevíns 1.500 metros
-Para infantil 3.000 metros.
-Para veteranos, sénior, júnior e cadete 5.000 metros
Tal e como indicou Martín Carballo, a II Copa Deputación de Lugo de Piragüismo prevé destinar en premios a todos os clubs 12.000 euros, baseándose en dous criterios: participación (60% do total segundo o número de padexeiros inscritos) e clasificación (40% do total segundo os postos conseguidos).
É dicir, a participación puntuará como a suma de todos os padexeiros/as clasificados en cada regata, cun total determinado ao remate de todas as regatas. Unha vez finalizada a copa, divídese a cantidade destinada a este apartado entre o número de padexeiros/as clasificados de cada club, o que dará o valor da cantidade a recibir.
Para a puntuar a clasificación, o 40% dos 12.000 euros dividirase entre os clubs cunha porcentaxe fixa de 22% para o primeiro clasificado, 19% para o segundo, 17% para o terceiro, 15% para o cuarto, 14% para o quinto, e o 13% para o sexto.

























A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
O campo de fútbol do Cascabeiro acolleu o pasado sábado a III Festa do Mexillón, organizada polo Celta Barreiros. Centos de persoas achegáronse a gozar dunha tarde de gastronomía e de música. En total foron servidas 670 racións entre veciñanza e visitantes, que saborearon mexillóns e lacón. Os organizadores amosasen satisfeitos da acollida: “estamos contentos pola boa resposta dos asistentes”. E tiveron palabras de agradecemento “para os Concellos de Barreiros e de Foz pola boa colaboración”.
Familias, amizades e persoas de todas as idades viviron cada xogada e cada aplauso, evidenciando que o fútbol é tamén unha oportunidade para fortalecer a convivencia e a unión da veciñanza. O municipio felicitou á Selección Española polo seu título mundial, un éxito histórico que fixo vibrar a toda a comunidade.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.
