A Concellería de Cultura de Lourenzá informa que, coma cada ano, celebrando a chegada simbólica da primavera, a figura do Maio percorrerá as rúas de Lourenzá na tarde do martes, 1 de maio, acompañado do tradicional carro da “Madalena”. A saída (sempre que a climatoloxía o permita) será ás 16:30 horas dende o Mercado Gandeiro e rematará na Praza do Conde Santo diante do Concello, despois de percorrer diversas rúas da vila, acompañado pola actuación e pasarrúas da sección musical da Escola Municipal de Música e Danza “Osorio Gutiérrez”.
Ó remate do desfile (máis ou menos sobre as 18:15/18:30 horas), no Salón de Actos da Casa da Cultura, terá lugar a actuación da Compañía Teatral TRINKE TRINKE, que nos achegará a peza “A festa da poesía das catro estacións”. Esta actividade está incluída dentro do ciclo Letras Vivas da Rede de Bibliotecas de Galicia, ofertada dende a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.