O BNG DE RIBADEO APOIA A MANIFESTACIÓN A FAVOR DUNHA RESIDENCIA DA TERCEIRA IDADE
Desde o Bloque Nacionalista Galego de Ribadeo queremos facer público o noso apoio á manifestación convocada pola Plataforma pro Residencia de Maiores -que aglutina ao tecido asociativo veciñal do noso Concello- para o sábado 22 de abril, ás 12 horas, na Praciña de San Roque.
No BNG entendemos que a construción dun centro residencial para a terceira idade en Ribadeo é unha necesidade obxectiva e prioritaria para o noso Concello, e na que todos e todas deberamos estar de acordo en base aos datos dos que dispoñemos, á situación social que vivimos e á propia sensibilidade que podemos percibir a este respecto no noso entorno.
Como sabemos, os cambios sociais vividos nas últimas décadas –especialmente na estrutura familiar e laboral- modificaron en moi alta medida as formas de relación e vida das persoas maiores de 65 anos cos seus entornos afectivos e sociais. Hoxe son moitas as persoas maiores que viven soas nas súas casas, sen poderen contar con familiares próximos que as atendan da mellor maneira e de forma constante. En moitos casos, ademais, a existencia e a longa duración de diferentes enfermidades fai que a propia autonomía persoal se vexa gravemente resentida.
Vexamos os datos: no Concello de Ribadeo a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos chega ao 23,8 % da poboación. Destes 2439 ribadenses con máis de 65 anos, 981 homes e 1458 mulleres, un total de 545 viven sós. Pola contra, canto aos recursos, Ribadeo dispón unicamente dun total de 70 prazas residenciais, o que supón 2.87 prazas por cada 100 ribadenses maiores de 65 anos, mentres que as recomendacións da OMS se sitúan no ratio de 5%.
Cremos pois, como non podía ser doutra maneira, que as políticas públicas deben esforzarse por dar solucións dignas, xustas e de calidade ás persoas anciás. Unha delas é contar coa posibilidade de acceso a centros residenciais públicos, nos que as súas capacidades de relación social, mantemento e coidado da saúde e atención global adecuada se vexan plenamente garantidas.
Neste sentido, entendemos exemplar o labor de sensibilización que a Plataforma veciñal pro Residencia de Maiores veu facendo entre moi diferentes colectivos e sectores de Ribadeo, e apoiamos tamén -e facemos nosos- os acordos tomados e as xestións desenvolvidas pola Comisión pro Residencia da Terceira Idade, da que forman parte todos os grupos políticos con representación municipal.
Un tema coma este, prioritario para Ribadeo, debe estar por riba das lexítimas diferenzas partidarias: o interese xeral e o ben común deben prevalecer sobre calquera outro tipo de cuestión, e polo tanto é desexable que todas e todos nos esforcemos en manter a unidade de acción en base ao que todos queremos: a Residencia de Maiores. Xa que logo, para o BNG de Ribadeo o seu marco de acción e de opinión pública vai estar sempre vinculado aos acordos compartidos que se tomen desde a Plataforma e a Comisión pro Residencia de Maiores.
Finalmente, e para rematar, desexamos que tanto a Xunta de Galicia -institución determinante para a consecución da Residencia- como o resto de administracións implicadas estean á altura do que se lles solicita e desenvolvan, en consecuencia, unha actitude de diálogo, apoio, colaboración e compromiso mutuo en beneficio do obxectivo desexado polos veciños e veciñas de Ribadeo.
Remitido



















A proposta combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos. As entradas, cun prezo de 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes do inicio. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
Estes servizos sumaranse aos que xa permanecen abertos habitualmente, como os do parque Pernas Peón. O Día das Tortillas, que se celebra o domingo anterior ao Domingo de Ramos, reúne cada ano a veciños e visitantes en varios espazos do municipio. Con esta medida, o Concello busca facilitar o desfrute da xornada e mellorar a comodidade das persoas asistentes. Desde o Concello de Viveiro lémbrase tamén a importancia de facer un uso responsable das instalacións públicas, de manter limpos os espazos naturais e de respectar as n
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Ambas destacaron o impacto cultural do evento deste sábado en Lugo. A gala, presentada por Trisha Fernández e Federico Pérez, contará con actuacións de Xabier Díaz, Adufeiras de Salitre e Mondra.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
A actividade conta coa colaboración do Concello.



