DIANA DURÁN INSISTE EN QUE O CENTRO DE DÍA DA FUNDACIÓN EU SON ABRIRÁ AS SÚAS PORTAS TAN PRONTO COMO SEXA POSIBLE.
Burela, 20 de abril de 2012. A concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, insiste en que o centro de día da Fundación Eu Son abrirá as súas portas tan pronto como sexa posible. A programación das actividades a desenvolver, os horarios e os servizos que se prestarán xa están listos, agora só queda contar co número mínimo de usuarios esixidos e reactivar o permiso de apertura.
A edil popular asegura que o centro de día da Fundación Eu Son abrirá as súas portas á maior brevidade posible. Diana Durán sinala que “abrir depende de que as familias queiran, porque se esixe un número mínimo de usuarios e tamén dependerá do que se tarde en reactivar o permiso de apertura, pero intentaremos que sexa no menor tempo posible”. O equipo de goberno agarda que o centro poida abrir as súas portas o vindeiro mes de xuño.
A concelleira de Servizos Sociais indica que “xa temos lista a programación das actividades a desenvolver, os servizos que se ofertarán aos usuarios, os horarios, etc, etc… todo está a punto”. Deste xeito resposta ás declaracións efectuadas nas últimas horas polo parlamentario autonómico do BNG, Manuel Parga.
Durán subliñou tamén que “ata decembro de 2010 o Concello puido pedir prazas concertadas para este centro e o bipartito, formado por PSOE e BNG, non fixo nada neste sentido. E agora o que estamos a facer é xestionar a través de dependencia o custe das prazas para que lles salga o máis barato posible aos usuarios”.
O centro de día para persoas con discapacidade intelectual da Fundación Eu Son atenderá a persoas con esta problemática de Burela e doutros puntos da comarca, “primeiro prestará servizos aos veciños e veciñas de Burela que precisen deste centro e despois á xente doutros puntos da Mariña con diagnósticos que necesiten tamén dunha atención especial”. Diana Durán manifestou que “o equipo de goberno segue a traballar e a loitar de forma rigorosa pola apertura do centro de día nun tempo récord. Agardamos que a partires de agora a espera sexa pequena”.
O concelleira popular engade que “si o obxectivo do BNG, a través das declaracións do señor Parga, era desprestixiar ao PP, lonxe disto o que están a facer é moito dano ás familias afectadas xa que desvirtúan por completo a realidade. Pero xa que o BNG está a ter tanto interese no centro de día da Fundación Eu Son agradecémoslle que desde a Deputación de Lugo o seu grupo político trate con ese mesmo interese as subvencións que en breve lles faremos chegar e demostren realmente que o que importa son as familias mediante a resolución positiva das mesmas”.
Remitido