Mondoñedo Unido visita Lourenzá
Mondoñedo, 8 de maio de 2012
Un grupo de representantes da plataforma ?Mondoñedo Unido? desprazarase mañá mércores a Lourenzá, aproveitando a concentración de persoas por mor da celebración da feira mensual, para explicarlles a situación que atravesa a comarca e para buscar apoios e aproveitar sinerxias en beneficio de todos, ao mesmo tempo tamén se están establecendo contactos con representantes de asociacións laurentinas para celebrar unha reunión que terá lugar ás 12 do mediodía no Bar Cabaleiros de Vilanova de Lourenzá. Esta iniciativa é o primeiro paso dunha acción que levará a contactar con persoas e organizacións doutras localidades veciñas.
A entrega de sinaturas -xa van recollidas máis de 3000- adíase para fin do presente mes, pois incorporaranse ás xa recollidas en Mondoñedo durante As Quendas, aqueloutras que se vaian recollendo ao longo deste mes en municipios veciños.
A problemática da falta de emprego e riqueza na zona é un mal común a todos: Traballadores de Mondoñedo desprazábanse e desprázanse a diario a Lourenzá e viceversa ao igual que sucedía e sucede con veciños de Abadín ou do Valadouro que acudían ou acoden diariamente a Mondoñedo para exercer a súa profesión. Por este motivo é importante que todos, e cantos máis mellor, xungamos os nosos esforzos e iniciativas para motivar o asentamento de empresas na zona e a creación de postos de traballo.
Mondoñedo Unido segue a sumar asociacións e particulares, as tres últimas que asinaron o manifesto e se mostraron abertos a colaborar nas accións prantexadas foron a Asociación Veciñal da Parroquia de Figueiras, Asociación Monte Veciñal de Man Común “Monte de Figueiras” e Asociación de Pais e Nais (ANPA) do I.E.S. “San Rosendo” (AMOLOU) que aglutina a veciños de Abadín, Lourenzá e Mondoñedo.