O Plan de Axuste do Concello de Cervo conta coa aprobación do Ministerio de Facenda
-O goberno de Cervo aproba a operación financeira para o pagamento a provedores por valor de 723.500 euros coa abstención da oposición
Cervo, 15 de maio de 2012-O grupo de goberno de Cervo aprobou o acordo para iniciar a operación de crédito a longo prazo que permitirá o financiamento das obrigas de pagamento a provedores, que no caso do Concello cervense ascenden a 723.500 euros. O trámite saíu adiante no pleno extraordinario celebrado onte cos votos a favor do executivo local e coa abstención da oposición. A concertación desta operación de endebedamento é un paso máis que debía dar o consistorio despois da aprobación do Plan de Axuste, que conta co visto e prace do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas dende o pasado 30 de abril.
Esta operación de préstamo, incluída na Liña ICO, do Instituto de Crédito Oficial, terá un prazo de amortización de 10 anos, con dous anos de carencia. A concesión desta operación de endebedamento permitirá aboar as cantidades pendentes de pagamento aos provedores nos prazos establecidos polo Goberno central.
Coa formalización desta operación e co Plan de Axuste aprobado polo Ministerio, o Goberno central non aplicará ningunha retención económica aos ingresos que percibe o Concello de Cervo por parte do Estado, é dicir, procedentes da súa Participación nos Ingresos do Estado. Deste xeito, o Concello cervense “está cumprindo coas súas obrigas económicas e financeiras segundo as esixencias do Ministerio de Facenda a todos os municipios”, asegura a edil de Facenda, Tania González, e o goberno local “seguirá dando pasos e avanzando na estabilización das arcas municipais e na optimización da xestión económica” remata González.