As resolucións da nova Presidenta da Sala do Contencioso-Admvo. do TSXG de 12 de marzo de 2026, polas que se dispón o traslado forzoso dos maxistrados Luis Villares e María Dolores López López fóra da Sección Terceira da devandita Sala, non son un simple movemento de organización interna. Estamos ante un fito de gravidade extrema que compromete os alicerces da independencia xudicial e da hixiene democrática no noso país. Baixo a aparente fasquía dunha facultade organizativa da nova presidencia da Sala, agáchase a neutralización dunha liña xurisprudencial que acadou o rexeitamento da Xunta do PPdeG e do lobby eólico.
Cadanseus traslados son ilegais. Asignaren maxistrad@s da Sala ás súas Seccións é, si, competencia da Presidenta, mais ha de se cinguir a criterios anuais aprobados na Sala de Goberno do TSXG por proposta da Presidencia da Sala e que non existen como requisito habilitante neste caso.
E non hai moito mais que discutir en termos xurídicos. As demais razóns organizativas, de distribución de asuntos por Seccións ou de oportunidades de carreira profesional non son quen de alicerzar legalmente estas decisións neste contexto, ademais de se atopar orfas de toda proba. Tampouco constitúe razón ningunha a suposta necesidade de preservar a imparcialidade da Sala, por non se ter abstido o maxistrado Villares no fallo de tres sentenzas vencelladas ao Hospital de Vigo (e adoptadas por unanimidade). A nulidade declarada polo Tribunal Supremo (TS) atopará unha solución xurisdicional cunha outra composición de sala no TSXG, sen que ningunha razón xurisdicional poida basear criterios de adscrición orgánica forzosa. Doutro xeito estaríase afectando gravemente a independencia d@s maxistrad@s do TSXG.
A liña xurisprudencial do TSXG no eido das autorizacións administrativas das instalacións de produción eólica, alicerzada no Dereito Europeo e nos principios de precaución ambiental e participación das persoas afectadas, é un produto colectivo da Sección competente. As súas sentenzas acollendo e rexeitando recursos e solicitudes de medidas cautelares foron emitidas por unanimidade, agás nalgún caso moi concreto. Esta liña xurde coas sentenzas de 2020 (logo confirmadas polo TS) que anularon a declaración ambiental dos parques Sasdónigas I e II en Mondoñedo e nesas sentenzas non interveu Luis Villares, pois que daquela non pertencía á Sala por se atopar en situación de servizos especiais ao seren deputado do Parlamento de Galicia.
As reaccións de sindicatos xudiciais, organizacións ambientalistas e de consumidores, BNG e PSdeG amosan unha gravísima preocupación pola saúde da independencia xudicial na Galicia. Non se pode ignorar o elefante no cuarto: a correlación temporal entre as críticas da Xunta de Galicia e das patronais eólicas contra das medidas cautelares do TSXG que paralisaron instalacións eólicas e esta decisión de “reestruturar” a Sala. Cando o poder executivo sinala e un órgano de goberno xudicial executa fica aberto o camiño cara á arbitrariedade administrativa.
Para o lobby eólico que semella ditar a axenda industrial de San Caetano a legalidade ambiental é un atranco que ha ser removido. O traslado forzoso opera aquí a xeito de advertencia para quen se atreva a exercer o control de legalidade dende a independencia da Maxistratura.
Velaí que a gravidade do asunto requira unha resposta moi potente da sociedade civil e dos operadores xurídicos. Se a composición das salas de xustiza pode ser alterada por mor dos intereses de quenda, corremos o risco de que os nosos tribunais de xustiza actúen no material como oficinas de validación de intereses corporativos.
Na democracia liberal a independencia do Poder Xudicial é o derradeiro valo de defensa da veciñanza. Cómpre, logo, que o Consello Xeral do Poder Xudicial anule estas resolucións e repoña o dereito fundamental ao xuiz ordinario predeterminado pola lei.
















Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



