O IGVS achegou unha importante cantidade de diñeiro destinada a dar unha solución de urxencia ás familias cuxos fogares quedaron inhabitables, factura que agora deberá reintegrar a empresa causante dos danos xa que non corresponde asumila ao conxunto dos galegos
BALSEIRO PIDE NO PARLAMENTO DE GALICIA QUE A XUNTA CUANTIFIQUE O INVESTIMENTO ACHEGADO POLO GOBERNO GALEGO TRAS O AFUNDIMENTO DO CELEIRIÑO
O deputado popular pregunta se a Xunta ten constancia da presentación por parte do Concello de Viveiro da reclamación xudicial contra a empresa causante dos danos ao obxecto de recuperar o diñeiro público empregado e, en caso negativo, das razóns polas que o Executivo local demora esta decisión.
Santiago, 08 de maio de 2012.- O deputado do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, Jose Manuel Balseiro Orol, rexistrou unha iniciativa na Cámara galega na que pide á Xunta que cuantifique o dinero público achegado polo Goberno galego tras o derrubo do barrio do Celeiriño, en Viveiro.
O parlamentario mariñán lembra que a Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), achegou unha importante cantidade de diñeiro destinada a dar unha solución de urxencia ás familias cuxos fogares quedaron inhabitables, todo iso a pesar de que a responsabilidade polos danos causados correspóndelle satisfacela á empresa causante dos mesmos e non ao conxunto dos galegos.
SEN INTERESE POR RECUPERAR O DIÑEIRO PÚBLICO
Balseiro Orol tamén explica que malia as múltiples xestións e ofrecementos públicos do IGVS amosando a súa total disposición para colaborar co concello de Viveiro ata o momento -que teña transcendido- atopuse coa falta de interese do Goberno municipal por dar unha solución esta cuestión e por iniciar os trámites oportunos para recuperar o diñeiro público empregado.
INDEMNIZACIÓNS PENDENTES
Segundo Balseiro cando pasan máis de catro anos despois do acontecido aínda está pendente a resolución dun acontecemento que produce un lóxico desacougo entre a veciñanza, respecto do futuro das vivendas en risco de derruba, respecto da achega das indemnizacións correspondente e respecto do reintegro das cantidades desembolsadas pola Xunta de Galicia e polo Concello de Viveiro para compensar de urxencia os danos producidos.
É por iso polo que Balseiro tamén pregunta, na súa iniciativa parlamentaria, se a Xunta ten constancia da presentación por parte do Concello de Viveiro da reclamación xudicial contra a empresa causante dos danos ao obxecto de recuperar o diñeiro público empregado e, en caso negativo, das razóns polas que o Executivo local demora esta decisión.
Balseiro lembra finalmente que o 28 de setembro de 2009 o Pleno do Concello de Viveiro acordou, por unanimidade pedir ao alcalde que adoptara as accións legais que se estimasen necesarias para obter do causante dos danos as indemnizacións correspondentes