O PARTIDO SOCIALISTA PRESENTA A PRIMEIRA ALEGACIÓN AO DOCUMENTO DO PXOM.
SINALAN ABUNDANTES ERROS DE DOCUMENTACIÓN E DE PLANIFICACION, APARTE DE PRESCRIPCIÓNS MOI DURAS PARA OS VECIÑOS AFECTADOS.
SOLICITAN A ANULACIÓN E UNHA NOVA REDACCIÓN DA ORDENANZA.
O PSdeG-PSOE de Ribadeo acaba de rexistrar no Concello a sua primeira Alegación ao PXOM, nun texto que asinan o Portavoz Municipal, Eduardo Gutiérrez, xunto co Secretario Xeral Balbino Pérez Vacas e o Secretario de Politica Municipal da Executiva, Jorge Díaz Freije. “Debe tomarse como unha aportación nun dobre sentido: modificar unha ordenación concreta que afecta á rua Deputación e á de San Lázaro, con determinacións tan resrictivas ou máis que as do casco histórico, sen soporte histórico e documental e con meras aproximacións do ponto de vista da legalidade”, declarou Eduardo Gutiérrez e engadiu que “os veciños deben reparar no que significa esta Ordenanza e presentar alegacións, co fin de que por parte do Concello se modifique a través dunha nova negociación coa Xunta de Galicia”. Sinalou, igualmente, que ·esta Alegación proba que existe base legal para tal modificación e que non chega con escudarse nas imposicións da Xunta, que non son inamovibles e que dependen dunha capacidade de xestión que o Goberno municipal de Ribadeo non acreditou”.
Pola sua banda, tanto Balbino Pérez Vacas como Jorge Díaz Freije aseguraron que van poñer o texto a disposición dos afectados como base para posibles alegacións, que consideran un elemento fundamental para modificar unhas prescipcións realmente esaxeradas. Nos vindeiros días, os socialistas presentarán novas alegacións sobre outros aspectos importantes do PXOM.
Texto da Alegación:
Alegación á Ordenanza O-9, chamada do Pontigo.
Eduardo Gutiérrez Fernández, D.N.I. Nº 33.802.840 Q, concelleiro do PSdeG-PSOE, e Balbino Pérez Vacas, D.N.I. Nº 76.558.538 W, e Jorge Díaz Freije, D.N.I. Nº:33.997.293 G, ambos da Comisión Execcutiva Local do PSdeG-PSOE, con domicilio a efectos de notificación na sé da Agrupación Socialista de Ribadeo, na rua Viejo Pancho,16 baixo, presentan a seguinte
Alegación á Ordenanza O-9, que o documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal, chama do Pontigo, cuxo segundo período de información pública foi aprobado na sesión plenaria do Concello do día 23 de marzo de 2012
O primeiro que compre corrixir é o nome, que os redactores recollen das indicacións feitas pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia. Na Ficha 00.01 CS do Catálogo, insértase un texto recollido da propia Dirección Xeral onde, ao falar do itinerario do Camiño de Santiago lese o seguinte: “existía unha rua directa ata a saída da vila, que polo seu trazado, recibía o nome de rua do Pontigo”.Non é certo, o Pontigo, que moitos chegamos a escoitar de boca dos nosos maiores era un pequeno bairro, apenas un cruce entre a rua Reinante e a da Deputación, que debe o seu nome a un pontigo existente para salvar o rego da auga. (Non é o único erro, un pouco despois afírmase que a capela de San Roque foi ·a antiga Virxe do Camiño”, cando se trata de duas capelas diferentes.) Ben está recuperar nomes, e neste sentido a rua Reinante antes foi a de ‘Herradores’ e a da Deputación sempre foi A Regueira, dito sexa para que se vexa que as posibilidades son moitas, ainda que a Dirección Xeral aludida careza de competencias en materia de denominación de ruas e bairros. En calquer caso, o nome do Pontigo non alude en absoluto a referencia xacobea algunha. Tanto a rua de San Francisco como a de Reinante conducían á saida da vila para conectar co Camiño Real a Mondoñedo. Aparte de todo isto, existe documentación gráfica sobre a situación do Pontigo.
A Ordenanza 9 que comentamos, é sumamente restritiva, partindo de considerar estas ruas cunha tipoloxía vencellada co camiño de Santiago, ainda que noutro parágrafo da mentada Ficha 00.01.CS lemos o seguinte en referencia ao trazado urbano do camiño no núcleo de Ribadeo: “falamos dun núcleo urbano polo que discorre unha ruta que non mostra signos de ter determinado a sua forma”. Pero, sorprendentemente, baixo o estro de Patrimonio fanse afirmacións tan pintorescas como esta :”sobre o que se asentan as edificacións máis antigas e representativas do núcleo urbano”, en referencia á rua da Deputación. E en base a tamaño dislate, sen a menor base científica, impóñense normas dun rigor esaxerado Téñase en conta que a delimitación significa que a concesión de calquer tipo de licenzas requerirá a autorización previa da Consellería de Cultura.
Nesta orde de cousas, no artigo 310 da Ordenanza, sobre ‘Condicións particulares de edificación’ , na O-9.1 (rua Deputación), “a altura da edificación será a existente, e para novas edificacións non deberá superar a planta baixa, mais unha planta piso e mais o faiado, seguindo a tipoloxía do nº 39 da rúa”. A Ficha 08.72 do Catálogo inclúe unha fotografía do referido inmoble retratado antes de que fora reformado, o que desvirtua o carácter canónico que se lle atribúe, noutra lamentable lixeireza.
No mesmo artigo, no apartado de ‘Condicións estéticas’ dise: “As fachadas laterais vistas e as posteriores trataranse con condicións de composición e materiais en coherencia cos da fachada principal”. Ou sexa unha verdadeira esaxeración, absolutamente arbitraria e unha imnportante carga para os propietarios.
Mais adiante prohibense as bufardas (buhardillóns, tan abundantes en Ribadeo), seguindo nisto a recomendación da D.X. do Patrimonio, que ao falar desta Ordenanza afirma con contundencia: “Prohibiranse as ‘buhardillas nesta Ordenanza, ao non existir nas edificacións tradicionais existentes no ámbito”, algo que non é certo. Non hai máis que consultar a Ficha 08.76 referida ao edificio que fai esquina entre a rua Reinante a da Deputación, este si situado no bairro do Pontigo, e que conta cunha competente bufarda. E non é o único.
En canto á Odenanza O.9-1 no relativo a Condicións de Edificación e no que fai á posibilidade de que mediante un Estudo de Detalle nas parcelas de máis de 1.000 metros cadrados se reordene dito espazo con novas aliñacións, fondos edificables e mesmo abrindo viarios (fala de ·conexión peonil·) resulta manifestamente contrario ás atribucións legais que aos Estudos de Detalle lles confire o artigo 73 da Lei 9/2002 (LOUG). O que se pretende mediante tais Estudos de Detalle é ordenar parcelas vacantes de superficie maior de 1.000 m2, pero o procedente debería ser delimitar en tais parcelas un polígono de solo urbán non consolidado, o que ademais de ser o máis pèrtinente dun ponto de vista legal, permitiría a obtención do 10% do aproveitamento e as cesións de espazos libres e dotacións correspondentes.
Xa aludimos ao carácter, absolutamente restrictivo desta Ordenanza, consecuencia da sua declaración como Camiño de Santiago, en base a unha Lei de carácter xeralizante ( Lei 3/1996 de 10 de maio dos Camiños de Santiago), sen que até o de agora e a pesar do tempo transcurrido apareza o Plan de Protección e Promoción que a propia Lei prevé. Pero resulta que a excepcionalidade para os sistemas xerais ao que alude o segundo parágrafo do artigo 310.1 infrinxe a Disposición Transitoria 3ª, que di textualmente: “En tanto non se aprobe o plan especial de protección e promoción previsto na presente Lei, nas zonas laterais de protección e nas de protección do entorno, non se permitirán novas aliñacións, aumentos de edificabilidade, parcelacións nen aliñacións”. E lembremos que esta norma é de hai case dezaseis anos. ¿Ulo o Plan Especial? ¿Ulo a propaganda que se leva feito sobre a influencia beatífica do Camiño do Norte? Haberá que preguntarllelo aos afectados do inventado ‘bairro do Pontigo’ e aos veciños de outros moitos lugares como eses de Vilanova de Lourenzá que non poden sacar a madeira dos montes.
Igualmente resulta contraditoria coa mencionada Disposición Trnasitoria 3ª da Lei 3/1996, a apertura dunha rua peonil e dunha reserva de espazo libre que se prevé na finca situada ao comnezo da rua da Deputación.
Finalmente esta Ordenanza no seu conxunto debera ser anulada, posto que establece unhas prescipcións que corresponderian ao Plan Esècial de Protección e Pomoción do Camiño de Santiago e que debe ser redactado polo órgano competente da Xunta de Galiza.
En consecuencia co anteriormente exposto, proponse a total modificación da aludida Ordenanza, con determinacións non tan restritivas nos aspectos que levamos sinalado e cuxa argumentación debe servir de base para unha nova negociaición coa correspondente Dirección Xeral.