RAQUEL ARIAS AFIRMA QUE BESTEIRO ANTEPÓN OS SEUS INTERESES DE PARTIDO AOS BENEFICIOS DOS VECIÑOS DA PROVINCIA DE LUGO NO ÁMBITO DOS SERVIZOS SOCIAIS
A delegada territorial critica que o ente provincial “se obstine no anuncio de presentar un contencioso a un decreto que desenvolve a lei que PSOE e BNG aprobaron cando cogobernaban a Xunta en vez de dirixir os seus esforzos a traballar en favor dos lucenses”
Arias lamenta que os habitantes desta provincia non se poidan beneficiar “do que legalmente lles corresponde en canto ao servizo de atención no fogar básico polo empeño do presidente da Deputación de Lugo en privilexiar os seus fins políticos e desprezar o ben común”
Lugo, 18 de xuño de 2012.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, lamentou hoxe que o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, antepoña os seus intereses de partido aos beneficios dos veciños da provincia de Lugo en materia de servizos sociais.
Segundo indicou Arias, o anuncio realizado polos responsables do ente provincial da presentación dun recurso pola vía contencioso-administrativa ao decreto que desenvolve a lei de servizos sociais -que aprobou precisamente o bipartito PSdeG e BNG- representa unha proba do pouco compromiso dos responsables do equipo de goberno da Deputación lucense cos veciños da provincia.
A responsable do Executivo galego na provincia lamentou que “os habitantes desta provincia non se poidan beneficiar do que legalmente lles corresponde en canto ao servizo de atención no fogar básico polo empeño do presidente da Deputación de Lugo en privilexiar os seus fins políticos e desprezar o ben común”.
Así, segundo destacou a máxima representante do Executivo autonómico en Lugo, “mentres Besteiro e o seu goberno se adican a enredar neste ámbito dos servizos sociais, ignorando o que legalmente lles corresponde aos lucenses, o goberno da Xunta demostrou o seu compromiso cos habitantes desta provincia e hai preto dun mes xa realizou o adianto de 2,5 millóns de euros para o desenvolvemento da atención en materia de servizos sociais”.
Arias reiterou hoxe que a Deputación Provincial de Lugo ten enriba da mesa dende hai cinco meses unha proposta da Xunta para colaborar no mantemento dos servizos sociais básicos na provincia. Unha proposta que os responsables provinciais ignoraron, negándose ata en tres ocasións a acudir ás reunións convocadas dende a Consellería de Traballo e Benestar.
Así mesmo, Arias lembrou que José Ramón Gómez Besteiro acordou en xaneiro coa consellería a designación duns interlocutores para levar a cabo estas conversas entre o departamento autonómico e o ente provincial. A secretaria xeral de Política Social, designada pola Xunta, convocou a Antonio Veiga, designado pola Deputación, pero este non acudiu á cita. Dende entón, explicou a delegada, a Deputación evitaría calquera posibilidade de entendemento e optaría pola senda do enfrontamento.
A delegada lamentou que o ente provincial insista en tratar de impugnar o Decreto de Servizos Sociais, que está sendo abordado con normalidade nas outras provincias galegas. Neste sentido, considerou un grave erro que a Deputación lucense “se obstine no reiterado anuncio de presentar un contencioso en vez de dirixir os seus esforzos a traballar en favor dos lucenses”.
A delegada territorial recorda que recibiu o pasado 10 de maio ao vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, para explicarlle a situación. A propia conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, citou para unha xuntanza a Gómez Besteiro, que se negou a acudir.
Finalmente, produciuse un novo encontro o 11 de xuño, esta vez entre Antonio Veiga e a secretaria xeral de Política Social, no que outra vez se trasladaron aos responsables provinciais as explicacións oportunas, tanto sobre o decreto como sobre a oferta de colaboración para a prestación dos servizos sociais.
Entre outras cuestións, cabe lembrar que o decreto pasou polo trámite de audiencia e tan só dos concellos galegos realizaron algún tipo de alegación; así mesmo, foi coñecido e informado pola Fegamp.
Raquel Arias insistiu unha vez máis en que “o decreto axústase rigorosamente á legalidade” e limítase “a desenvolver a Lei de Servizos Sociais aprobada no 2008 polo goberno bipartito da Xunta”.
A delegada considera que a actitude da Deputación “crea unha polémica estéril e inútil” e reitera, pese a todo, que a Xunta segue a ofrecer vías de colaboración para contribuír ao financiamento do servizo, como a sinatura dun convenio como xa se acordou coas outras deputacións galegas. “
Raquel Arias incidiu en que, ao marxe de que se negocien outras fórmulas de colaboración para axuda á Deputación a facer fronte á parte do custo que legalmente lle corresponde, co estado actual deseñado polo Decreto de Servizos Sociais, a Xunta garante a prestación íntegra para a atención a persoas dependentes.
A Xunta, sinalou, “financiará a axuda no fogar das persoas dependentes e os traballadores sociais de absolutamente tódolos concellos, independentemente do número de habitantes que teñan, así como o SAF (Servizo de Axuda no Fogar) básico dos Concellos de máis de 20.000 habitantes”.