A VICEPRESIDENCIA DA DEPUTACIÓN DE LUGO PROMOVE A DEFENSA DOS DEREITOS LINGÜÍSTICOS
A área de Cultura e Turismo e a Mesa pola Normalización Lingüística colaboran na promoción do galego nas escolas, na administración pública e nas empresas.
Mario Outeiro asegura que “ao contrario do que acontece noutras administracións galegas, a Deputación de Lugo mantén o seu compromiso co cumprimento da Lei de Normalización Lingüística”.
Lugo, 10 de xuño de 2012. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, asinou un convenio coa Mesa pola Normalización Lingüística para a posta en marcha de diversas iniciativas destinadas a promover o emprego da lingua galega entre a poboación en xeral pero especialmente entre a mocidade.
Dito convenio regula a subvención que a Deputación de Lugo outorgou á Mesa pola Normalización Lingüística por valor de 30.000 euros para dinamizar o emprego do galego na administración pública, nas escolas e nas empresas, así como para garantir o cumprimento dos dereitos lingüísticos.
Seguindo coa liña de traballo iniciada en anos anteriores, Outeiro explicou que “as campañas que se van por en marcha teñen un dobre obxectivo: a promoción do uso do galego e rachar cos tópicos que rodean o emprego desta lingua. O idioma xera identidade, diferenciándonos e caracterizándonos como pobo e, polo tanto, temos a obriga de defendela ante calquera ataque ou vulneración”.
Esta subvención permitirá reforzar o servizo de consultas e reclamacións relativas aos dereitos lingüísticos que presta a Mesa pola Normalización Lingüística. Neste senso, o delegado de Cultura e Turismo precisou que “ao contrario do que acontece noutras administracións galegas, a Deputación de Lugo aposta pola promoción da lingua galega e reforza o seu compromiso co cumprimento da Lei de Normalización Lingüística”.
A resposta que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de dar a unha pregunta parlamentaria formulada polo Grupo Parlamentario do BNG sobre a incidencia do uso da lingua galega nos centros de ensino, na que se recoñece que o uso minoritario do idioma propio de Galiza, pon en evidencia a necesidade de levar a cabo actividades especiais dirixidas á mocidade. “Por iso – engadiu Outeiro- as campañas publicitarias que se realicen no marco deste Convenio centraranse nos máis xóvenes e poderanse ver en centros de ensino secundario, centros universitarios e locais de ocio xuvenil.”