A Xunta dá o visto e prace ao Plan de Incendios para 2012, cun incremento do orzamento en 3,4 millóns para prevención e con melloras organizativas e técnicas para ser máis efectivos, como a posta en marcha dun sistema de videovixilancia
· “Garantimos que os montes galegos teñan a mesma vixilancia por terra e por aire que tiñan nos últimos exercicios: a través de medios humanos; a través de medios materiais aéreos aos que se sumarán as forzas e corpos de seguridade e a través dos medios materiais terrestres, fundamentalmente motobombas”, afirma Feijóo.
· O plan incrementa o carácter estrutural do operativo antiincendios, con case 1.000 traballadores fixos-discontinuos.
· Prevención, detección, disuasión e investigación serán os obxectivos das cámaras de videovixilancia que se ubicarán en puntos estratéxicos dos montes galegos.
· Feijóo salienta que o Goberno galego non se cansará de demandar a colaboración dos galegos para que non se queime Galicia. “Neste problema estamos embarcados todos, o Goberno o primeiro, pero é imprescindible a colaboración da sociedade”
Santiago, 21 de xuño de 2012.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este mediodía, en rolda de prensa, que a Xunta deu hoxe o visto e prace ao Plan de Incendios para este ano 2012, cun incremento do orzamento en 3,4 millóns de euros máis nos labores de prevención e con melloras organizativas e técnicas para ser máis efectivos, como a posta en marcha dun sistema de videovixilancia. “Aprobamos definitivamente o plan para actuar en todas as frontes necesarias que nos permitan: evitar ao máximo posible os lumes forestais e, en segundo lugar, reducir ao máximo o dano ocasionado polo lumes que se produzan”.
Deste xeito, Feijóo explicou que o plan conta con 4 aspectos a destacar: “mantemos practicamente o dispositivo de vixilancia e extinción do pasado ano; incrementamos o carácter estrutural do operativo antiincendios, con case 1.000 traballadores fixos-discontinuos; reforzamos o orzamento global 1,4 millóns máis que o ano pasado e reforzamos dunha forma especial o orzamento destinado a programas de prevención cun presuposto que medra 3,4 millóns de euros e, introducimos algunhas melloras organizativas e técnicas que nos permitan ser máis efectivos na loita contra o lume, especialmente coa posta en marcha, por primeira vez, dun sistema de videovixilancia nos montes galegos”.
No que se refire ao mantemento do dispositivo, o titular da Xunta subliñou que se garante a cobertura de todos os concellos galegos e a cobertura de toda a xeografía galega. “Garantimos que os montes galegos teñan a mesma vixilancia por terra e por aire que tiñan nos últimos exercicios: a través de medios humanos, que patrullarán os montes; a través de medios materiais aéreos aos que se sumarán as forzas e corpos de seguridade e a través dos medios materiais terrestres, fundamentalmente motobombas”.
“Incrementamos tamén –engadiu- o carácter estrutural do operativo e creamos 936 prazas de fixos-discontinuos de tres meses para o período estival de máximo risco: 436 prazas de fixos-discontinuos do Servizo de Defensa contra Incendios Forestais; e outras 500 de brigadistas tamén fixos-discontinuos de tres meses na empresa pública Seaga. En total, 936 persoas que adquirirán este tipo de contratación”.
No tocante ás melloras organizativas e técnicas, Feijóo incidiu na decisión de poñer en marcha, por primeira vez, un sistema de cámaras de videovixilancia en montes galegos, en puntos estratéxicos. Neste sentido, subliñou que se trata dun sistema de control permanente eficaz, capaz de localizar focos de lume e fontes de calor e aos presuntos autores dos lumes forestais. “Nas próximas semanas os técnicos de Montes irán completando o estudo e se determinarán cales han de ser as ubicacións óptimas destas cámaras con dous obxectivos: como arma de control, xa que servirán para a detección rápida e, por tanto, para a rápida extinción dos lumes; e como arma disuasoria para limitar a actividade dos pirómanos. En definitiva: prevención, detección, disuasión e investigación serán os obxectivos das cámaras.”.
Así mesmo, Feijóo afirmou que o Goberno galego non se cansará de demandar a colaboración dos galegos para que non se queime Galicia. “Neste problema –dixo- estamos embarcados todos, o Goberno o primeiro, pero é imprescindible a colaboración da sociedade”.
Solidariedade co funcionario ferido onte
O presidente da Xunta quixo tamén transmitir a solidariedade de todo o Goberno galego ao funcionario ferido, onte, “por actos violentos e bandálicos de persoas que participaron cheos de intolerancia nunha concentración nas inmediacións de Seaga”.
“Puido haber lesións graves e incluso desgrazas persoais irreversibles”, lamentou o responsable do Executivo autonómico, logo de expresar o seu desexo de que todo o mundo, “especialmente as persoas que convocaron ese tipo de actos que foron ao final actos violentos e bandálicos”, condenasen o ocorrido.
“A inmensa maioría dos brigadistas de Seaga están avergoñados do que onte fixeron algunhas persoas, que puxeron en risco a integridade física de empregados públicos que estaban cumprindo, no seu lugar de traballo, co seu deber”, concluíu.
























Tamén puxo en valor o labor de Fonmiñá e a importancia dunha cita cultural que cumpre 48 edicións. Para Vilalba, a incorporación da actriz ao Paseo do Cine é un recoñecemento que a vila sente como propio.
A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.
Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.



