O BNG DE FOZ VOTA EN CONTRA DOS ORZAMENTOS PORQUE XERARÁN MÁIS DÉBEDA AO CONCELLO E NON RESOLVEN OS PROBLEMAS REAIS DOS VECIÑOS
“PP e PSOE avalan a mesma política local ao darlle para diante a estes orzamentos”
Foz, a 1 de xullo de 2012.- O BNG de Foz votou en contra dos orzamentos presentados onte no pleno por considerar que son pouco realistas e pouco cribles desde o punto de vista da súa execución tendo en conta a xestión feita ata agora polo goberno municipal. “A proposta aprobada entre PP e PSOE van a xerar máis endebedamento ao Concello de Foz –que teremos que pagar todos os veciños- e non resolven para nada ningún dos problemas que a xente ten neste momentos difíciles” asegura o portavoz do BNG, Xan Carlos González Basanta.
Analizando por apartados, no capítulo de gastos, faltan por imputar nas partidas correspondentes as obrigas pendentes de cobro do ano pasado, que ascenden a non despreciable cifra de 490.989 euros. “Con esta cantidade os orzamentos estarían xa condenados ao fracaso”, asegura Basanta. Ademais evidenciase, e así o advirte Intervención, unha insuficiencia nas partidas en servizos esenciais como SOGAMA, punto limpo ou reparación de camiños e vías á vista dos resultados de exercicios pasados. Dentro dos gastos para o BNG é inaceptable que o Concello aínda non saiba cal vai ser a cantidade da retención inxusta do Estado por non acollerse ao plan de axuste que se quería impoñer.
No capítulo de ingresos, vese que se inchan os ingresos e non se computan en base ao recadado senón en base as obrigas pendentes. Isto provocará –como sucedeu en anos anteriores- que se xere un déficit de liquidez importante. Esta circunstancia é clara no caso dos ingresos por IBI, licenzas urbanísticas ou ICIO onde non existe xustificación documental que ampare a suba sobre as previsións iniciais, como ben advirte o interventor. O BNG fai unha dura critica á redución de achegas por parte da Xunta de Galiza no Plan Concertado que supón 187.000 euros menos que o ano pasado para as arcas do Concello e 187.000 menos para servizos esenciais como atender á axuda no fogar.
Entre as propostas feitas polo BNG para levar a cabo polo goberno municipal están medidas lóxicas e normativas como non gastar máis do orzamentado, aplicar a vía executiva para ingresas máis, non contratar empresas externas ao concello para facer obras que poden realizalas os empregados municipais, executar na totalidade o Plan de Saneamento aprobado polo Concello no 2009, adiantar o cobro do IBI para ter máis liquidez durante o ano, ampliara a vinculación xurídica das partidas para gastar mellor, cobrar taxas e impostos a todo o mundo ou aforrar en publicidade e propaganda para gastar en servizos sociais. Tamén o BNG quere manifestar que o voto do PSOE que lle fixo falta ao PP para aprobar os orzamentos é un voto que avala a política do PP no Concello. “O voto prestado do PSOE para que o PP aprobara os orzamentos só se entende se o PSOE avala a mesma política que está a levar ata agora o PP no Concello. É dicir, tanto un coma outro defenden os mesmos intereses que non son precisamente os da maioría social. Só teño que dicir que o tempo dará e quitará razóns” declarou Basanta.
O BNG votou en contra da taxa de depuración de augas porque sempre defendeu que a taxa debe estar baseada nos custes reais do servizo e non no que diga a empresa e porque non podemos cargar o custe dun servizo público cando este non funciona ou non funciona correctamente pois as depuradoras verten directamente á ría, ao mar e á costa sen autorización e polo tanto hai unha depuración deficiente.
O BNG presentou unha moción que se aprobou para oporse a calquera modificación da administración de xustiza que supoña a desaparición de xulgados da Mariña ou a diminución dos servizos que prestan actualmente, instando á Xunta a que tome cartas no asunto.