UNHA PRIMEIRA PARTE PROMETEDORA NON LLE CONCEDE AO BURELA FS O BILLETE PARA A FINAL DA COPA XUVENIL
O Burela FS Pescados Rubén non puido chegar á final da Copa FGF Liga Nacional Xuvenil ao caer o sábado, ante a afección laranxa, fronte ao Autos Lobelle (3-6). A primeira parte prometedora dos de Iván Cao, con potencial, pegada e poderío físico, non tivo a continuidade necesaria tras o descanso, que converteu o empate 1-1 nunha vantaxe notable dos composteláns.
Os burelistas comezaron o partido con intensidade e na primeira parte tutearon o conxunto santiagués. Vista Alegre puido presenciar un xogo laranxa compacto e sen fisuras, con posibilidades de chegar ao ecuador por diante no marcador.
No reinicio, os de Iván Cao encaixaron dous goles moi seguidos que fixeron tremer a disposición dos mariñáns. A concentración laranxa reduciuse drasticamente co 1-3, que tamén viu minguados os seus efectivos coas expulsións de Souca e Carracha cando pelexaban pola remontada con 2-5. Aproveitando a superioridade numérica, o Lobelle subiu o sexto; a tres minutos para o final chegou o 3-6 para os burelaos.
Dobrete para o Azkar Lugo. Os transportistas conseguiron o segundo título da tempada en Burela, tras a liga, despois de impoñerse na final do domingo ao Lobelle (5-2). En semifinais derrotaron o AD Bueu (7-4). Os trofeos foron entregados polo director xeral do Burela FS, José Luis Sáez Castro, como representante da Federación Galega de Fútbol, e o tenente de alcalde de Burela, Manuel Fernández Valle.