O CONCELLO ACOLLEU ESTA MAÑÁ A ENTREGA DE DÚAS VIVENDAS VPO EN RÉXIME DE ALUGUER A DOUS MOZOS MENORES DE 30 ANOS. FERNANDO SUÁREZ SINALOU QUE AGORA CONCELLO E IGVS TERÁN QUE SEGUIR A TRABALLAR PARA FACER NOVAS REMESAS DE VIVENDAS SOCIAIS EN RIBADEO.
Ribadeo, 15 de xuño de 2012. O salón de plenos do Concello acolleu esta mañá a entrega de dúas vivendas VPO en réxime de aluguer a dous mozos menores de 30 anos.
O alcalde, Fernando Suárez, contou que “no día de hoxe, aquí no salón de plenos, por parte de responsables do IGVS e do Concello fixemos entrega da documentación ás dúas persoas que resultaron adxudicatarias de dúas vivendas en réxime de aluguer, a través dun inmoble adquirido hai varios anos pola Xunta no casco vello de Ribadeo, para destinala a persoas menores de 30 anos”. Suárez Barcia sinalou que “os adxudicatarios, elexidos por sorteo ante notario, hoxe despois de cubrir diversa documentación puideron xa ter as chaves destas vivendas”.
O rexedor engadiu que “tamén esta mañá unha terceira persoa adquiriu unha vivenda en propiedade, que quedara vacante nesta última remesa de 30 vivendas que se adxudicaron na vía Transversal hai unhas semanas. Esa vivenda quedou vacante porque a adxudicataria tivo que renunciar a ela, entón corréuse a lista e a primeira persoa en lista de espera é a afortunada que puido facerse con esta vivenda en réxime de propiedade”.
Para Fernando Suárez trátase “de iniciativas boas as de rehabilitar vivendas no casco vello para alugarllas á xente moza, porque así se contribúe a facilitarlle unha vivenda a quen a necesita e porque contribuimos a mellorar o casco histórico de Ribadeo”. O alcalde ribadense dixo que “agora entre Concello e IGVS teremos que seguir traballando para facer novas remesas de vivendas sociais, pero para facelo deberemos ter aprobado canto antes o Plan Xeral de Ordenación Municipal. Niso é no que toda a Corporación está a traballar para sacalo adiante canto antes”.
Licencias definitivas de apertura
Por outra banda, Suárez Barcia rexeitou hoxe as críticas efectuadas nas últimas horas polo voceiro do Grupo Mixto sobre os requerimentos que están a recibir algúns bares ou establecementos hostaleiros para que adapten as súas licencias á normativa vixente. Para o rexedor o que está a facer Eduardo Gutiérrez é tocar de oido en lugar de ler a partitura. O alcalde subliña que non hai ningún afán recadatorio por parte do Concello de Ribadeo.
Para o alcalde “Eduardo Gutiérrez está falar do que escoita sen ler mínimamente a normativa vixente”. E explicou que “por mor das autorizacións de ocupación de vía pública para colocar as terrazas na época estival que moita xente ven pedir para esta tempada, aínda que nalgúns casos se están a ocupar desde principios de ano, un dos requisitos indispensables é que os locais teñan a licencia de apertura en regla de maneira definitiva, como teñen a grande maioría dos establecimentos deste concello. Nalgúns casos puidose comprobar que non contaban con licencia definitiva de apertura. Hai casuísticas diferentes dado que algúns iniciaron licencias provisionais e non as remataron, outras son moi antigas e requerímoslles de boa fé certa documentación para que se adapten á legalidade vixente no que ten que ver co local, non coas terrazas”.
Fernando Suárez manifestou que “agás erro ou omisión desde o Concello non temos ningún afán recadatorio, porque non imos cobrar as taxas que no seu momento xa se puideron cobrar, outra cousa é que os propietarios deixaron de rematar a tramitación que era imputable a eles, e para evitarlles a eles posibles problemas administrativos no futuro, non só co Concello, senón coa Policía Autonómica, coa Xunta de Galicia ou cos seguros, é por iso que lles recomendamos que rematen os seus procesos para ter o diploma que exhiben todos os locais deste concello acreditanto polo alcalde e polo secretario que ten licencia definitiva o seu establecimento”.
Para o rexedor ribadense “isto pode ser un pouco enrevesado, pero hai un símil co que se pode entender moi ben. Cando un propietario quere vir pedir unha licencia de ocupación de vía pública para montar un andamio, por exemplo, o Concello pódella dar, pero vaille pedir primeiro que teña que ter autorizada a licencia de obra. Non se pode dar a licencia de ocupación pública dun andamio para cambiar as ventás dun edificio que non teña licencia de obra previa. Pois isto ven sendo o mesmo”. Fernando Suárez fáille unha recomendación ao portavoz do PSOE “que toque desde a partitura máis que de oído para evitar estes erros que o único que fan é confundir á xente e desde o Concello non queremos confundir senón facerlle ver que a situación na que se encontran algúns locais contravén a legalidade vixente”.